O departamento de maiores de Vilagarcía abre o prazo de inscrición para o termalismo social urbano de outono
A Área de Persoas Maiores pon en marcha en setembro a quenda de outono do programa de Termalismo Social Urbano na que poderán participar 30 persoas maiores de 55 anos. Os beneficiarios poderán asistir 3 veces por semana ao SPA Arruyos del Agua por un prezo reducido de 25 euros ao mes. O prazo de inscrición comeza hoxe e permanecerá aberto ata o día 11 de setembro ou ata que se completen as prazas. O programa ten unha duración de dous meses e desenvolverase entre o 15 de setembro e o 15 de novembro.
Os requisitos que se deben cumprir para poder beneficiarse deste programa é estar empadroado en Vilagarcía, ter cumpridos os 65 anos, ou ter 55 e ser pensionista; así como non padecer ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible cos tratamentos e actividades a recibir no SPA. Aínda que non cumpran os requisitos de idade previamente indicados, tamén poderán acollerse ao programa de termalismo social urbano aquelas persoas que precisen dun respiro familiar, situación que debe ser informada polos Servizos Sociais do Concello. Quedan excluídas da quenda de outono as persoas que xa participasen na de primavera.
Os interesados deben dirixirse ao departamento de Persoas Maiores para inscribirse.
O programa de Termalismo Social Urbano é unha das actividades máis demandadas polo colectivo de persoas maiores. Con esta iniciativa, o departamento que dirixe Ángeles Rodríguez pretende facilitar que estes veciños poidan gozar a un prezo moi reducido e sen ter que desprazarse a outro municipio, dos beneficios terapéuticos e relaxantes que ofrecen os tratamentos termais de xeito que incidan no sen benestar. A cota está subvencionada pola Concellería e o propio establecemento situado na avenida Rodrigo de Mendoza.











