O curso escolar comeza con normalidade para os máis de 1.400 alumnos en Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTui
A-
A+

Con normalidade comezou hoxe o curso escolar 2014/2015 nos centros públicos de Tui. Os máis de 1.400 alumnos de Infantil e Primaria incorporáronse esta mañá ás aulas. Non houbo grandes variacións no número de matrículas con respecto ao curso anterior.

A concelleira de Educación e Cultura, Vanesa Rodríguez, destacou as obras realizadas en practicamente todos os centros con arranxos de aulas e cubertas. As de maior envergadura foron a instalación dun novo parque infantil para o alumnado de Educación Infantil no CEIP nº2, así coma o arranxo da pista do pavillón e os vestiarios no CEIP de Randufe. Nestes últimos traballos contaron coa colaboración da Comunidade de Montes de Randufe e do Randufesal.  Amais no CEIP de Rebordáns habilitouse unha dependencia para acoller o servizo de comedor que comezará este ano.  A concelleira tamén explicou que en breve será habilitado o patio traseiro da aula do CRA de Baldráns. Tamén proximamente avanzou que se acometerá o asfaltado do patio do CEIP nº1.

Por outra parte Vanesa Rodríguez salientou que o maior problema que teñen os centros escolares de Tui é a súa antigüidade, con máis de 30 anos, polo que precisan de continuos arranxos.

10 de setembro de 2014 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.