O Consorcio de Turismo da Coruña convida aos establecementos da Cidade Vella a participar en Chocoruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Consorcio de Turismo organizará por primeira vez un evento gastronómico dedicado á cascarilla e o chocolate, produtos de gran tradición na Coruña e aos que o Concello quere render homenaxe con motivo das festas do Rosario.

O certame, denominado Chocoruña, cascarilla & chocolate, celebrarase entre o 3 e o 7 de outubro na Cidade Vella e permitirá gozar durante eses días de actividades gastronómicas, lúdicas e culturais nos que ambos os produtos serán os protagonistas. Música ao aire libre, showcooking, chocolatadas, contacontos e unha festa popular coa elaboración dunha gran torta de chocolate da man de recoñecidos cociñeiros da cidade, formarán parte do programa no que se busca a implicación do barrio.

O Consorcio de Turismo xa abriu o prazo de inscrición para os establecementos da Cidade Vella interesados en participar en Chocoruña. Así, os locais que entre o 3 e 7 de outubro ofrezan aos seus clientes unha oferta especial cuxa base principal sexa un ou os dous ingredientes -a cascarilla e o chocolate- poderán formar parte da listaxe de participantes e incluiranse no material promocional que se editará con motivo do evento gastronómico.

O prazo de inscrición para os locais permanecerá aberto até o vindeiro mércores, 10 de setembro. Os interesados poden dirixirse a chocoruña2014@gmail.com ou ao teléfono 981 14 56 14 entre as 09.00 e as 17.00 horas.

4 de setembro de 2014 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.