O Concurso de Escaparatismo de Outono chega á recta final con cinco finalistas
Un total de cinco comercios compiten por alzarse co primeiro premio do Concurso de Escaparatismo de Outono 2014, un certame organizado pola Concellaría de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid para promover o consumo no pequeno comercio e que, nesta edición, repartirá un total de 10.000 euros en premios.
Dos 80 participantes, un xurado de expertos seleccionou cinco escaparates tras valorar, entre outros aspectos, a orixinalidade, a estética e a eficacia comercial. Os finalistas son os seguintes: En el nombre de la Rosa, da Asociación de Comerciantes Riazor; Electricidad Pena, da Asociación de Comerciantes Castrillón, Eirís y Monelos (ACOCEM); Todo Baño C.V., de Distrito Os Mallos; e Floristería Fina e No me mandes flores, ambos da Asociación de Comerciantes de Monte Alto
O establecemento gañador recibirá 2.000 euros -e 500 a asociación comercial á que pertence- e será elixido por votación popular na web www.coruñawapa.es. O prazo para votar finaliza o próximo 20 de setembro. Así mesmo, cada finalista recibirá 1.000 euros e 500 euros a súa entidade. Tamén se sorteará un vale de compra de 300 euros para trocar nos comercios participantes entre quen participen na votación popular. En total, repartiranse case 10.000 euros en premios.
O Concello organiza este tipo de certames para mellorar a competitividade do sector a través de estratexias que contribúan a fomentar o asociacionismo, ademais de promocionar e mellorar a imaxe do comercio local.











