O Conciliatardes de Vilagarcía atenderá este curso a 37 rapaces
O departamento de Servizos Sociais publicou hoxe a lista definitiva de nenos e nenas admitidos no programa Conciliatardes para o curso 2014/15 aprobada o venres pola Xunta Local de Goberno. Ao final serán 37 os alumnos que se poderán beneficiar desta alternativa de conciliación. O servizo prestarase no centro de Formación de Matosinhos, de outubro de 2014 a xuño de 2015 en horario de tarde .As listaxes pódense consultar en servizos Sociais e no taboleiros de anuncios da web www.vilagarcia.es
Servizos Sociais ofertou 30 prazas para o Conciliatardes, un número que puido ampliarse ata os 37 debido ao encaixe horario das familias solicitantes, xa que algunhas solicitan media xornada. A estes súmanse dous nenos da lista de agarda que poderán beneficiarse de parte do horario solicitado, ao quedar completo o calendario.
O programa Conciliatardes ten como obxectivo facilitar a vida familiar, persoal e laboral das familias con fillos menores que non teñen clase pola tarde e que non teñen quen dea conta deles mentres os pais traballan. Trátase dun programa socioeducativo e de lecer de apoio á infancia, co obxectivo de conciliar as responsabilidades familiares, persoais e profesionais ao mesmo tempo que garante a igualdade de oportunidades.
Os nenos e nenas son atendidos por monitores e pedagogos especializados que desenvolverán con eles un amplo e variado programa que inclúe tanto aspectos educativos como lúdicos para fomentar a súa sociabilidade, vida sa, creatividade e potenciar os valores positivos.
O servizo desenvolverase durante os meses de outubro 2014 a xuño de 2015 no Centro de Formación de Matosinhos, en horario de 15:30 a 21:00 horas, podéndose solicitar a xornada parcial ou completa, en función das necesidades de cada familia.
Bonificacións e Gratuidade
A cota máxima a abonar por participar no Conciliatardes é de 80 euros, aínda que se establecen bonificacións do 25, 50 e 75% en función da situación económica da unidade familiar, chegando a ofrecerse o servizo de xeito gratuíto para a aquelas familias cuxa renta pér cápita non chegue ao 80% do IPREM.











