O Concello do Carballiño garante o servizo de axuda a domicilio e dependencia
O concello do Carballiño, a través da súa área de Benestar Social que dirixe a edil Purificación Alberte, garantiron aos usuarios do servizo de axuda a domicilio e dependencia, a prestación do mesmo, pese a folga anunciada polas traballadoras. Así, desde que o concello tivo coñecemento a pasada semana da intención de realizar folga por parte dalgunhas traballadoras, comezaron a comunicar aos usuarios a programación establecida para eses 4 días de folga que son 15,16, 18 e 19, deixando no medio o 17 que é festivo local.
Desta forma Benestar Social garantiu a cobertura do 85 % dos servizos, de tal foma que teñen garantido o seu servizo o 100% dos declarados dependentes nun total de 35 e no caso dos de libre concorrencia tamén o 100% dos usuarios aos que se lles realice servizos de carácter persoal na realización de activiadades básicas da vida diaria no propio domicilio (asistencia para levantarse ou deitarse, apoio ao coidado e hixiene persoal, vestirse, control de réxime alimentario e axuda para alimentarse ou supervisión de medicamentos prescritos por facultativos.
Tendo en conta que a folga se desenvolverá durante 4 días, e non consecutivos xa que os festivos e fins de semana traballarase tal e como estaba establecido (na semana escollida para a folga, o 17 é festivo local polas festas patronais do Carballiño), o concello considera que a maior prioridade e compromiso para o concello, que son os usuarios, estarán perfectamente asistidos a través dos servizos mínimos establecidos. Estes servizos mínimos xa foron comunicados ao sindicato representante das traballadoras, a CIG, así como á empresa responsable do servizo.
Pola súa banda tanto o alcalde como a edil de Benestar Social, recoñeceron o dereito á folga das traballadoras, como non pode ser doutra forma e aseguran que, tal e como afirmaron no inicio deste conflito laboral, esperan a resolución xudicial do asunto para tomar calquera tipo de decisión que lle afecte ao servizo. Este criterio de prudencia que debería ser asumido por todas as partes, sen pór en risco os dereitos dos usuarios, é ao que salienta desde o Concello, que non é outra cousa que a desconvocatoria de folga, e esperar a vista e sentenza, pois pode ser cuestión de días.
Cabe lembrar que as traballadoras do servizo de axuda a domicilio denunciaron á empresa responsable do servizo ante o xulgado, decidindo días despois realizar a folga, antes de coñecer o resultado final desta denuncia por via xudicial.











