publicidade hoxe

O Concello de Vilagarcía asegura que a tala na Xunqueira obedece a criterios de seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O goberno local de Vilagarcía lamenta que PSOE, BNG e EU persistan na súa habitual liña de oposición destrutiva co único obxectivo de xerar crispación e conflitividade social con temas que non teñen xustificación racional. O executivo popular refírese nesta ocasión ás críticas realizadas polos grupos da oposición en relación á tala de árbores do paseo central do Parque da Xunqueira, una medida que o goberno lembra que se adoptou en función a criterios de seguridade, racionalidade e eficiencia na xestión dos recursos, ademais de estar en consonancia coas valoracións de varios técnicos.

Aínda que os expertos consideran que a frondosidade do parque é suficiente tras despexar o paseo central, avaliarase a situación unha vez acondicionada esta zona, a efectos de determinar si é preciso levar algún tipo de actuación como plantar exemplares de menor porte e raizame, ou redistribuír as áreas de descanso segundo as zonas de sombra.

O equipo liderado por Tomás Fole aclara que a solicitude de informes técnicos dende diferentes perspectivas en relación ao tratamento das árbores do paseo central do parque, non eran necesarios nin obrigatorios xa que non se trata dun entorno ou especie protexidas nin de exemplares de especial interese botánico. A maiores, varios destes olmos estaban tapando e impedindo o desenvolvemento doutras árbores de moito máis valor estético e botánico que recuperarán protagonismo tras a actuación. Pese a todo, os informes requiríronse en deferencia aos grupos da oposición que solicitaran a medida.

Dado o que os técnicos consultados (da Estación de Areeiro, o Arquitecto Municipal, o responsable de Xardíns e os da adxudicataria) informaron no mesmo sentido en relación a que o crecemento das raíces en horizontal e pola superficie continuaría debido ao elevado nivel freático das augas no antigo pantano, e que, como consecuencia, o pavimento ía a continuar levantándose e afectando ás redes dos servizos básicos que discorren soterradas pola zona, dentro das súas competencias, goberno decidiu cortar as árbores, “velando polo interese xeral dos vilagarciáns e a optimización dos recursos públicos”.

“Non imos malgastar 319.000 euros en algo que non vai aguantar tres anos”

“Non parece responsable para quen xestiona recursos públicos, manter as árbores nesa situación e investir na remodelación do parque 319.000 euros, sabendo que en dous ou tres anos as raíces ían a volver a levantar todo o pavimento e a xerar problemas nos servizos públicos canalizados, co conseguinte custo a maiores que suporían esas reparacións. Iso sería malgastar os cartos co agravante de ser conscientes dilo”, apunta Fole Díaz.

Numerosas queixas polo estado do pavimento

Cómpre lembrar as numerosas queixas veciñais rexistradas ao longo dos últimos anos polo mal estado no que se atopaba o pavimento do paseo central do parque e do risco que supoñían as lousas levantadas polas raíces tanto para os peóns, especialmente nenos e persoas maiores que tropezaban nelas, como o obstáculo que supoñían para o paso de carriños de bebés ou cadeiras de rodas.

Sete talas da época do bipartito

O equipo de Fole tamén recorda que hai anos que os vilagarciáns demandan o arranxo deste paseo e o acondicionamento do Parque da Xunqueira, “un proxecto que trataron de levar a cabo PSOE e BNG cando gobernaron e que agora critican dende a oposición”. En canto ás airadas críticas da oposición, Fole lémbralles que gobernando o bipartito xa se talaran sete árbores do parque da Xunqueira “sen pedir informes nin cuestionar a medida, e sen que ninguén se mobilizara; supoño que porque se entendía que era unha medida necesaria que se adoptaba en base a criterios de seguridade”.

25 de setembro de 2014 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.