O Concello de Teo licita o contrato de mantemento das zonas verdes e axardinadas
O Concello de Teo publica a licitación do servizo de “Conservación, mantemento e mellora das zonas verdes e axardinadas” que atenderá unha superficie de case 150.000 metros cadrados principalmente na zona dos Tilos, Montouto, Cacheiras e Calo. Ademais das zonas verdes tamén se inclúe no contrato o mantemento das rotondas e dos campos de fútbol municipais.
O anuncio de licitación publicouse onte no BOP polo que hoxe comeza o prazo de presentación de ofertas que remata o 1 de outubro. O contrato terá unha duración de catro anos sen posibilidade de prórroga e o custe total será de 160.000 euros por ano (ive incluído) o que eleva a máis de 640.000 euros o custe deste servizo nos próximos catro anos.
No prego de condicións técnicas desta licitación divídense as zonas a manter segundo o mantemento e os tratamentos que precisen en tres niveis. A zona de mantemento Nivel 1 (N1), cunha superficie de 47.596 metros cadrados, contempla o mantemento de zonas axardinadas con céspede, herba común e parterres, con ou sen rego automático. A zona de mantemento Nivel 2 (N2), de 40.384 metros cadrados, é similar á anterior mais non ten rego automático e ten herba común. A zona de mantemento Nivel 3 (N3), con 61.834 metros cadrados, é de desbroce. No obxecto do contrato tamén se especifica unha superficie de 2.500 metros cadrados de mantemento de xardín de rotondas, medianas de estradas e xardíns de beirarrúas.
Unha das maiores novidades neste prego técnico é a inclusión dun plan de poda de na zona dos Tilos para os vindeiros catro anos. Trátase de facer podas de mantemento e talas nos casos nos que sexa preceptivo para evitar que o peso das pólas acaben provocando roturas. Comézase por esta zona polo volume de zona arborada que concentra nas zonas verdes, espazos de paso e esparcemento para a veciñanza da urbanizacións. Segundo o plan previsto a empresa adxudicataria deberá actuar no curso 2014/2015 en 92 árbores, no 15/16 en 50 unidades, no 16/17 en 107 e no 17/18, no último ano de contrato, en 164 árbores. Esto só dentro do plan especial de poda.











