O Concello de Sandiás asina o convenio de adhesión á axencia de protección da legalidade
A directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, María Martínez Allegue, e a alcaldesa de Sandiás, xxx, asinaron esta mañá o convenio de adhesión que permite a este municipio ourensán delegar na APLU o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza ou sen axustarse ás súas condicións.
Estas actuacións terían que estar situadas nalgunhas das seguintes clases de solo: rústico e urbanizable, mentres non sexa aprobado o correspondente plan parcial ou de sectorización, así como no ámbito dos núcleos rurais delimitados.
Para o Concello de Sandiás o presente convenio non comporta ningún gasto e o persoal do Concello poderá acceder a información urbanística, consultas e formación de xeito gratuíto.
A Axencia exercerá estas responsabilidades desde o día seguinte ao da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia (DOG) e considérase que a vixencia do convenio será indefinida. Nesta delegación de competencias non se inclúe a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello.
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo, e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.