O Concello de San Sadurniño esixe a Sanidade cubrir de inmediato as vacacións dun dos médicos do centro de saúde
O Centro de Saúde de San Sadurniño leva varios días cun médico de cabeceira de menos. Un dos titulares está de vacacións e a Consellería de Sanidade non enviou aínda quen o substitúa. Esta circunstancia xa se está notando nas citas, que hoxe mesmo xa acumulaban retrasos de case 15 días no caso das consultas. O Concello contactou coa consellería para que se lle dea unha solución inmediata ao problema, sen que polo de agora houbese resposta.
Desde o goberno local critícase “a mala planificación da Consellería de Sanidade á hora de cubrir as vacacións do persoal” e que, neste caso, “tradúcese na prestación deficiente dun servizo básico para a cidadanía como”. Segundo asegura o alcalde, Secundino García, a situación que se está dando en San Sadurniño “é consecuencia directa dos recortes na sanidade pública”.
En San Sadurniño hai dous médicos de cabeceira e un deles está gozando das vacacións que lle corresponden. En condicións normais a Consellería de Sanidade xa tería enviado alguén de substitución para que o servizo funcionase con normalidade. Porén neste caso non é así e é un único facultativo quen atende os usuarios e usuarias que ten asignados e, ademais, parte dos do seu compañeiro.
Cunha poboación de 3.000 habitantes e un alto índice de avellentamento o problema está servido en forma de retrasos á hora de obter cita tanto para consulta como para receitas. Hoxe mesmo as veces máis inmediatas para medicamentos estábanse dando para o día 6 de outubro e para o día 9 no caso das consultas, cando o habitual sería obter cita na mesma semana ou incluso para o día seguinte.
O médico titular que falta reincorporarase ao seu posto dentro de dez días. Pero ata daquela “seguirá aumentando a lista de espera a menos que a Xunta nos envíe alguén xa mesmo”, asegura Secundino García. O alcalde contactou coa Consellería de Sanidade para esixirlle unha “solución inmediata” ao problema. No momento de redactar esta información o departamento autonómico aínda non se pronunciara ao respecto.











