O Concello de Ourense organiza cursos gratuítos de ioga, ximnasia, danza oriental, baile, manualidades e informática
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ourense pon en marcha o programa de cursos e obradoiros para persoas adultas que se desenvolverá dende o mes de outubro nos centros cívicos municipais, sitos na rúa Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo.
A concelleira Marga Martín e a coordinadora dos centros cívicos, Antonia García presentaron esta mañá a proposta de actividades ofertadas, que dá continudade ás desenvoltas con grande éxito durante o curso 2013/2014, nas que participaron máis de 1.100 persoas. A Concellería de Benestar Social tamén dá continuidade á oferta de actividades infantís, que se desenvolverán de luns a venres polas tardes e os sábados polas mañás, nas que participaron 322 cativos e cativas durante o pasado curso.
As persoas interesadas poderán inscribirse en tódalas actividades dende mañá, mércores, día 17 de setembro, ata o mércores, 24 de setembro, presentando por Rexistro Xeral do Concello a solicitude, que poden recoller nos propios centros cívicos, na oficina de Atención Cidadá da praza Santa Eufemia nº 6 baixo e nas oficinas de Benestar Social da rúa Bispo Carrascosa nº 14 baixo.
A oferta de Colón (rúa Colón, 18) inclúe cursos de informática, nos niveis de iniciación e avanzado, ioga, ximnasia, danza oriental e baile de salón (nivel avanzado e intermedio)
O Centro da Cuña, na rúa doutor Peña Rey nº 18, ofertará informática (iniciación e avanzada), ioga, ximansia, danza oriental e bailes de salón.
A Ponte, na rúa Eulogio Gómez Franqueira nº 43, ofertará informática (iniciación e avanzada), ioga, ximnasia, danza oriental e baile de salón (nivel intermedio).
As Termas (Praza 200) acollerá informática (iniciación e avanzada), ioga, ximnasia, manualdiades e bailes de salón
Finalmente, o Centro Cívico de Seixalbo, na rúa Estreita nº 1, ofertará a veciños e veciñas a posibilidades de participar en cursos de informática (nos niveis de iniciación e avanzado), ioga, bailes de salón (iniciación).
Os cursos son gratuítos e o único requisito para participar é estar empadroado ou empadroada no Concello de Ourense. As persoas interesadas poderán solicitar ata un máximo de tres actividades, indicando orde de preferencia e centro, adxuntar copia do DNI e volante de empadronamento.
Actividades para nenos e nenas
A rede de centros cívicos municipais tamén ofertará un ano máis actividades para nenos e nenas. Con elas preténdese achegar ás familias ourensás unha proposta de actividades lúdicas para os cativos e as cativas no seu tempo libre, axundando á conciliación da vida familiar e laboral.
A oferta inclúe dúas propostas: actividades infantís polas tardes, de luns a venres, de 17:30 a 20:00 horas, para nenos e nenas nacidos entre 2006 e 2011, e os sábados, para escolares de Infantil e Primaria, de 10:30 a 13:00 horas.
Ademais destas actividades, que se realizarán nos 5 centros cívicos, os da Cuña e A Ponte ofrecerán tamén apoio escolar, para nenos e nenas de 3º a 6º de Primaria, 3 días á semana, durante unha hora e media ao día.











