O Concello de Ourense achega a Semana da Mobilidade aos escolares
A Concellería de Educación en colaboración coa Concellería de Mobilidade e Transporte únese á celebración da Semana Europea da Mobilidade con diferentes actividades participativas e de sensibilización que teñen como finalidade concienciar ao alumnado sobre as diferentes formas alternativas de desprazamento pola cidade.
As actividades comezarán mañá, martes, 16 de setembro, de 10:00 a 13:00 horas, cunha ginkana, circuito de Educación Viaria en bicicleta e obradoiro de reparación de bicicletas, no que participarán 100 nenos e nenas de 5º e 6º do CEIP Mestre Vide, na rúa Mestre Vide e explanada da Policía Nacional. A actividade realizarase tamén o venres, 19 de setembro, á mesma hora, no CEIP A Ponte.
Tamén mañá, martes, coa colaboración da Concellería de Transporte, comeza un ciclo de visitas didácticas de escolares ao centro de control de Urbanos de Ourense, empresa concesionaria do servizo municipal de autobuses. Con esta actividade preténdese sensibilizar ao alumnado sobre os impactos medioambientais do transporte e os seus diferentes modos de utilización, fomentar o uso do transporte público urbano, lembrando a importancia do seu uso na mellora da mobilidade na nosa cidade, e estimular un comportamento cidadán compatible co desenvolvemento sostible.
Serán un total de 8 visitas, nas que participarán un total de 350 alumnos e alumnas, comezando mañá, martes, ás 10:00 horas, con 50 escolares de 6º de Primaria do CEIP Mestre Vide e ás 11,30 horas, outros 50 de 4º e 5º do CEIP Curros Enríquez.
Saída de escolares en bici polo barrio do Couto
Finalmente, o luns, 22 de setembro, en que se conmemora o “Día Europeo sen coche”, ás 10:30 horas haberá unha saída en bicicleta polas rúas do barrio do Couto, na que participarán 200 escolares de 5º-6º de Primaria, dos CEIP O Couto e Santo Ángel. Preténdese con esta actividade sensibilizar ao alumnado e a cidadanía en xeral, sobre os impactos medioambientais do transporte e fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte na cidade.
O percorrido será supervisado por patrullas policiais para ir cortando o tráfico a medida que circulan o alumnado e os seus profesores polas diferentes rúas do barrio do Couto, para que vaían díante e detrás do grupo velando pola súa seguridade.
Participarían uns 200 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria dos centros CEIP O Couto e CPR Santo Angel. Tamén poderán participar os familiares do alumnado e veciños do barrio que o desexen.
Actividades para adultos
Ademais das actividades para escolares, o Concello conmemora a Semana Europea da Mobilidade con outras propostas para persoas de tódalas idades, que desenvolve coa colaboración do Ministerio de Medio Ambiente, as asociacións Mobilízate e Bilúrico e Urbanos de Ourense:
– Curso de Mecánica de bicicleta e condución segura, que se impartirá o mércores 17 de setembro, na Praza Maior, a partir das 18:30 horas.
– Concurso de fotografía e fotomaratón en bicicleta. O xoves, 18 de setembro, a partir das 18 horas.
Estas dúas actividades requiren inscrición, ata o mércores, na Concellería de Xuventude ou na Concellería de Transporte, ou ben a través de mail xuventude@ourense.es.
– Marcha en bicicleta. O luns, 22 de setembro, a partir das 19:30 horas, con saída Praza Maior. Ademais, durante este día, todas as viaxes nos autobuses urbanos serán gratuítas.











