publicidade hoxe

O Concello de Neda instala un novo parque infantil no colexio público San Isidro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, realizou esta mañá unha visita ao colexio público San Isidro xunto á concelleira de Educación e Cultura, Eva Olmo. Acompañados do director do centro educativo, supervisaron o novo parque infantil co que, dende esta semana, conta o colexio. Unha infraestructura demandada polo centro e comprometida polo goberno municipal que dirixe Ignacio Cabezón, que supuxo un investimento duns 8.000 euros.

En días pasados, o arquitecto municipal supervisaba o chan de caucho da área infantil, para determinar a súa idoneidade para a instalación dos novos xogos. En concreto, un xogo central multifuncional, con tobogán, escaleira e rocódromo e dous balancíns con capacidade para dous e catro nenos.

Este espazo está pensado para rapaces e rapazas de entre tres e oito anos e, de seguro, fará as delicias dos máis novos de aquí en adiante. Así mesmo, na visita desta mañá, o alcalde tamén avanzou a próxima realización doutros traballos de mellora no centro a partires da próxima semana.

En concreto, procederáse á reposición de canalóns en mal estado e á segunda fase de limpeza de todos estes elementos. Repararáse o peche exterior e taparánse algúns ventiladores ubicados no exterior do edificio para evitar que neles entre auga. Melloras que se suman a outras executadas nos pasados exercicios, como a tocante ao sistema eléctrico no 2012 e que conlevou un investimento duns 30.000 euros –financiados pola Xunta– ou a reparación da cuberta, realizada máis recentemente.

25 de setembro de 2014 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.