O Concello de Neda dá luz verde en pleno ao PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNeda
A-
A+

Un documento técnico, sen intromisións políticas, e co obxecto de evitar a perda poboacional de Neda, reforzando o seu carácter residencial. Así definía o alcalde de Neda, Ignacio Cabezón, o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado inicialmente na sesión plenaria extraordinaria celebrada esta mañá. Un documento que recibía o voto favorable do grupo de goberno, tres abstencións dos socialistas e o sufraxio contrario do único concelleiro de IU.

Agora, o plan pasará a exposición pública e, nesta fase, o rexidor brindoulle aos veciños que desexen presentar as súas propostas de mellora toda a colaboración do Concello. Así, Ignacio Cabezón explicou que o goberno municipal encargou un plan puramente técnico a fin de evitar as interminables negociacións entre partidos, polo que agora chega o momento de que veciños e políticos, o pobo de Neda en definitiva, aporte as súas alegacións. Comprometeuse a, máis aló de estudialas, impulsalas sempre que fosen xustas e adaptadas a normativa, colaborando incluso para a súa correcta redacción dende o punto de vista ténico.

O obxectivo, segundo expuxo, lograr o visto bo da Xunta de Galicia, xa que é esta a administración que ten a última palabra. Isto é, a que decidirá a súa aprobación definitiva. E, ata o momento, o alcalde lembrou que nas tres xuntanzas de traballo entre equipo redactor e técnicos o documento recibiu o visto bo. Neste contexto, Ignacio Cabezón sinalou que o PXOM pretende adaptar o planeamento ao novo marco normativo a todas aquelas leis e normas que se foron aprobando nos últimos anos, como a vixente Lei do Solo do 2003.

O plan constitúe un dos principais compromisos cos que o alcalde concurriu aos comicios, aínda que tivo que esperar ata esta última lexislatura para poder afrontalo. En 2007, Neda esperaba que un antigo plan recibise o visto bo da Xunta, aínda que este finalmente nunca chegou. Máis ao contrario, foi denegado en todos os seus puntos. Este feito, obrigou ao goberno municipal a rescindir o contrato co anterior equipo redactor, asumir as consecuencias económicas, e buscar financiamento da Xunta para a elaboración do novo documento. E, todo, nun contexto de crise económica.

Ese momento chegou e, en contra doutras opinións expresadas, o alcalde considera que, despois de once anos de aprobación da vixente Lei do Solo e de 22 da aprobación das normas subsidiarias que rixen o urbanismo en Neda, hai que dar pasos adiante e aprobar o plan. Un plan afastado de consideracións e intervencións políticas.

Un plan técnico no que a normativa é a única que marca as consignas. Así mesmo, e co ánimo de asegurar a sostenibilidade demográfica por riba dos 5.000 habitantes, non baixando dese límite que conlevaría unha merma de recursos tributarios, entre outros factores, afianzaránse zonas de chan urbano, completándoo con áreas periurbanas que se foron engadindo ao tecido urbano a pesares de que na actualidade non teña esa calificación. O plan tamén adapta os núcleos rurais ao novo marco normativo e establécense novas delimitacións dando solución á realidade existente (incorpóranse aos núcleos edificacións construídas en base á anterior Lei do Solo e que agora están fóra de ordeación).

De igual xeito, téntase conectar os núcleos rural e urbano limítrofes (un todo continuo, evitando fracturas artificiais) e proxéctase unha bolsa de solo industrial de baixa densidade para dar solución a un problema puntual de Neda como é o estacionamento de vehículos pesados (unha flota duns 150 rexistrados) e a posible implantación de industria lixeira. O documento pretende revisar e actualizar a relación de edificios catalogados, incorporando elementos menores.

Nos actuais solos urbanizables facilítase o seu desenvolvemento ao tratalos como áreas de reparto e búscase solución ao solo sen clasificar. Ampliaránse as reservas de solo para uso dotacional e zonas verdes ata cumplir cos estándares da nova Lei do Solo (na actualidade, Neda conta cunha quinta parte do esixido) e adáptase o planeamento ás directrices da Lei do Litoral e ás Directrices de Ordenación do Territorio.

1 de setembro de 2014 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.