publicidade hoxe

O Concello de Neda amplía a tempada de baño na piscina municipal ata finais de mes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Concello de Neda decidiu ampliar as xornadas de apertura da piscina municipal da real vila. Así, aínda que estaba previsto que as instalacións pechasen este ano as súas portas o 15 de setembro, finalmente o edil de Deportes e Xuventude, Roberto Rey, anunciou que estarán a disposición de veciños e visitantes ata o 30 deste mes. Nesta liña, o concelleiro explicou que esta prolongación da tempada de baño se estableceu ante as boas previsións climatolóxicas para o que resta de mes. A piscina permanecerá aberta no seu horario habitual. De luns a venres de 11,30 a 13,30 horas e de 16 a 20 horas, de luns a domingo.

O custe da entrada está establecido en 1,50 e 3 euros para menores e maiores de 14 anos respectivamente. Neste senso, o edil Roberto Rey informou de que veciños e veciñas tamén teñen á súa disposición os bonos para a tempada, co que se abaratan os custes. Así, o prezo dos individuais é de 15 e 21 euros para menores e maiores de 14 anos, namentras que o familiar é de 36 euros. A piscina conta cun conserxe e un socorrista. De 25 metros por 15, ten unha profundidade que oscila entre os 1,20 e os 1,30 metros, facéndoa idónea para o uso dos máis pequenos. Os abonos, así como as entradas, deben retirarse na propia piscina.

12 de setembro de 2014 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.