O Concello de Monforte participará nunha campaña para evitar que maiores de idade compren alcohol para menores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

Os supermercados e gasolineiras de Monforte colaboran cos técnicos de prevención de drogodependencias municipais para loitar de forma conxunta contra o consumo abusivo de alcohol entre a mocidade monfortina.

Destacar que a facilidade coa que os mozos/as poden acceder ó alcohol, sobre todo a través doutros maiores de idade que compran as bebidas para eles, repercute de forma negativa na percepción de risco que teñen desta sustancia.

Por iso este acordo centra os seus esforzos neses compradores que non son conscientes de estar cometendo unha infracción grave, que leva sancións que van dos 600 ós 30.000 euros.

Búscase previr o consumo de alcohol e outras drogas na cidade, reforzando as estratexias de prevención escolar, familiar e comunitaria que levan a cabo ó longo do ano.

Dentro desta campaña, en cada establecemento informarase mediante carteis de que a compra de bebidas alcohólicas por parte de adultos coa finalidade de destinalas a menores pode levar unha sanción administrativa e unha multa económica.

Apélase á “responsabilidade dos adultos que son cómplices do consumo abusivo de alcohol entre a mocidade” polas consecuencias negativas que ten para a súa saúde.

Os esforzos dos técnicos de prevención municipais encamíñanse a atrasar a idade de inicio no consumo de drogas e alcohol, reducir o seu consumo global e diminuír o dano que provoca na saúde dos mozos.Para iso, levan a cabo iniciativas e programas que inciden especialmente na prevención para minimizar o risco do consumo abusivo de alcohol, unha substancia que provoca problemas físicos e mentais e que se atopa entre as causas de fenómenos como a violencia, o desarraigamento ou o fracaso escolar.

8 de setembro de 2014 | 11:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.