O Concello de Lugo estuda querelarse contra Vicente Quiroga por denuncia falsa
O Concello de Lugo estuda a interposición dunha querela contra a Asociación “Abre la Muralla”, na persoa do seu Presidente, Vicente Quiroga, por denuncia falsa en relación coas supostas irregularidades que, segundo os medios de comunicación, atribúe esta entidade ó proxecto de creación dun Centro cultural no edificio do Vello Cárcere.
O Concello de Lugo reitera, como xa se ten afirmado dende esta institución en diversas ocasións, que este proxecto, como non pode ser doutro xeito, cumpre con toda normativa urbanística e tamén coa normativa de protección do Patrimonio.
O Concello de Lugo xa ten explicado que o proxecto foi autorizado e ten todos os parabéns tanto dos técnicos municipais como dos especialistas de Patrimonio, que son quen ten a competencia para facelo.
Concretamente, os servizos municipais emitiron no seu día un informe no que deixan claro que o proxecto “cumpre a normativa urbanística de aplicación”, entre a que figura, lóxicamente, o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Pola súa parte, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo emitiu unha resolución pola que autorizou a obra dacordo co informe favorable emitido pola Comisión Territorial do Patrimonio Histórico Galego da provincia de Lugo.
O Concello de Lugo considera insólito ter que deixar claro, de novo, que a quen lle compete autorizar os proxectos é ós técnicos especialistas e ós organismos que teñen encomendada por Lei a obriga de velar polo Patrimonio e polo cumprimento da normativa urbanística.
Para o Concello de Lugo tamén resulta sorprendente que unha asociación cidadá presidida por quen foi Alcalde desta cidade semente dúbidas sobre un proxecto municipal que conta con todos os avais de quen ten a competencia para dalos, que, dende logo non son os políticos estean ou non en exercizo.
Ademais, o Concello quere deixar claro en relación co conxunto escultórico da fonte dos leóns os seguintes aspectos: ese conxunto escultórico nin estaba catalogado nin protexido, os traballos non contaron con licenza porque non era necesaria, como se demostrou a Matrona non estivo nunca desaparecida e a Xustiza xa deixou claro no seu momento en sentenza firme que o Concello de Lugo non cometeu ningunha irregularidade no pago de facturas nin ten ningunha débeda pendente.
Para o Concello de Lugo resulta dolorosamente sorprendente que pretenda erixirse en adalide da legalidade quen, como é público e notorio, foi condenado polo Xulgado do Penal, a Audiencia Provincial de Lugo e mesmo polo Tribunal Constitucional, en sentenza firme, por un delicto de falsificación en documento mercantil pola falsificación dun certificado supostamente emitido por unha empresa co propósito, segundo recolleu a sentenza no seu día, de defraudar á Facenda pública.
A opinión pública de Lugo ten boa memoria e tampouco esquece quen foi responsable de polémicas decisións urbanísticas, que aínda hoxendía sofren os lucenses, que permitiron, por exemplo, a construcción de edificios coa máxima edificabilidade no Garañón ou dun centro comercial no contorno do Río Miño.











