O Concello de Ferrol subscribe convenios de colaboración coa asociación musical Sonsdodía e o Club Esquío
O Concello de Ferrol colaborará coa Asociación Musical Sonsdodía e o Club Esquío Ferrol para a realización dos programas educativos “Canta con nós” e “Artellando”, respectivamente. A concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, deu conta hoxe destes dous convenios aos grupos municipais na comisión informativa de Cultura, Educación, Deportes e Turismo.
Así, o Goberno Municipal aprobou a proposta do convenio de colaboración coa Asociación Musical Sonsdodía para o desenvolvemento deste programa educativo durante o curso escolar 2014-2015. Este acordo de cooperación, cun importe total de 7.850 euros, permitirá promover procesos de ensinanza-aprendizaxe do canto e a súa práctica en canto coral a través do fortalecemento da cultura musical e o traballo do desenvolvemento do oído musical. “Canta con nós” está dirixido alumnado dos centros de ensino da cidade e se desenvolverá entres os meses de outubro de 2014 e maio de 2015 no CEIP Manuel Masdías.
En canto ao convenio de colaboración co Club Esquío Ferrol, permitirá o desenvolvemento das actividades de ximnasia rítmica e/ou baile moderno dentro do programa educativo “Artellando”. Esta proposta, dirixida a menores entre 6 e 12 anos, se desenvolverá os meses de outubro e novembro no CEIP Almirante Juan de Lángara e Huarte. A actividade permitirá potenciar a práctica deportiva en idade escolar, motivar aos escolares á práctica de actividade física responsable, así como iniciarse na práctica da ximnasia rítmica e/ou baile moderno como contribución importante no crecemento corporal e mental. A Concellería de Educación achega 1.500 euros a este acordo de cooperación coa entidade deportiva.











