O Concello de Ferrol lanza unha campaña de actividades dirixida aos maiores do municipio
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, organiza diferentes actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra o día 1 de outubro. Así, o vindeiro martes 30 de setembro ás 12:00 horas, o Pazo Municipal de Ferrol acollerá unha homenaxe as persoas de maior idade de cada un dos comedores sénior da cidade, situados no Ensanche A –rúa Río Xubia-, Caranza, e os novos equipamentos de San Pablo-Catabois e Esteiro.
Outras das actividades, serán as charlas sobre alimentación saudable, impartidas por enfermeiras, que se desenvolverá os días 2 e 6 de outubro en diferentes centros de Ferrol. Máis concretamente o vindeiro día 2 terán lugar ás 10:30 horas no Centro de Maiores Caixa Galicia e ás 17:30 horas nas Aulas da terceira idade (ATEGAL), mentres que o día 6 ás 11:00 horas se realizarán no Centro Sociocomunitario de Benestar Social da Xunta de Galicia -situado na rúa Real-.
Así mesmo e baixo o lema “Ferrol con outra mirada”, as persoas maiores de 65 anos poderán realizar con guía a Ruta da Construción Naval e a Ruta Modernista no city-tren. Durante esta visita, que terá lugar o vindeiro 10 de outubro ás 11:00 horas, os maiores irán acompañados de voluntariado municipal. As persoas que desexen acudir a esta visita turística deberán inscribirse no Rexistro Municipal do Concello de Ferrol, xa que o límite de prazas é de 43. O prazo para anotarse estará aberto a partir do vindeiro luns, día 29 de outubro.
Menú especial para os 63 usuarios dos comedores sénior
Ademais, o vindeiro día 1, se servirá nos comedores sénior da cidade un menú especial para conmemorar o Día Internacional das Persoas Maiores, e tamén se realizará uns murais para que as persoas poidan expresar os seus sentimentos e compartir momentos de lembranza. O menú especial para celebrar este día inclúe: luras á romana, croquetas e embutido variado, de entrantes; sopa de cocido como primeiro prato; o segundo será cocido; e pasteis e froita variada de sobremesa.
Un total de 63 persoas maiores acoden diariamente a este servizo de Comedores Sénior que ten en funcionamento a Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol. Dos catro equipamentos sociais, o comedor de Río Xubia conta con 23 usuarios, o de Caranza con 17, mentres que os novos de San Pablo-Catabois e Esteiro acollen a 15 e 8 persoas, respectivamente. Actualmente, o servizo conta con seis novas solicitudes que están pendentes de valoración e que sumarán un total de 69 persoas entre os catros comedores Sénior.
A edil Rosa Martínez Beceiro destacou o notable incremento de usuarios no novo equipamento de San Pablo-Catabois “onde comezaron seis persoas e a día de hoxe son 15 as persoas que acoden a este comedor”. Este servizo municipal, dirixido a persoas maiores empadroadas en Ferrol, permite potenciar un envellecemento saudable mediante unha alimentación adecuada e equilibrada así como procurar un espazo relacional e de vínculos de amizade e coa comunidade.











