O Concello de Ferrol aumentou nun 100% a axuda municipal para atender a mulleres vítimas violencia de xénero

Rey Varela na sinatura do convenio
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, renovou hoxe o convenio co Padroado Concepción Arenal, entidade cun século de historia que se dedica a prestar apoio a mulleres vítimas de violencia de xénero. A presidenta do devandito padroado, Beatriz Dorrio Lourido, e a concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, tamén participaron no acto de firma deste protocolo que tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial.
O primeiro edil da cidade manifestou a súa satisfacción por “asinar un acordo de colaboración que permite prestar apoio a mulleres que nestes momentos están pasando por momentos de dificultade”. Así mesmo, Jose Manuel Rey puxo en valor a actividade que o Padroado Concepción Arenal ven desenvolvendo na cidade dende hai un século, engadindo que “é unha obriga para a Administración municipal manter un servizo con tanta historia”. Ao respecto do maior apoio que dende o principio deste mandado se presta dende o Concello de Ferrol ao padroado Concepción Arenal, o rexedor deu conta dun dato obxectivo: o incremento de máis do 100% da contía do convenio nos últimos tres anos, pasando de 10.000 euros no exercicio 2011 a 20.000 euros nas anualidades de 2012 e 2013 e aos 21.500 euros no acordo asinado esta mañá.
“Este é diñeiro moi ben invertido porque vai destinado a apoiar ás persoas que peor o están a pasar, en concreto a mulleres vítimas de malos tratos que acoden ao Padroado Concepción Arenal, unha entidade cun século de actividade ás súas costas”, insistiu Jose Manuel Rey. E ao fío disto, o rexedor ferrolán declarou que “a prioridade no gasto deste Goberno Municipal seguirán sendo os programas e iniciativas sociais para atender ás persoas e familias que máis o necesitan”. Por último, o alcalde sinalou que este convenio de colaboración suma e complementa outros servizos de atención á muller neste ámbito da violencia de xénero que dependen da Concellería de Igualdade e Xuventude, como son a Asesoría Xurídica e Psicolóxica do Centro Municipal de Información á Muller (CIM) e a Casa de Acollida do Concello de Ferrol.
Pola súa banda, a presidenta do Padroado Concepción Arenal quixo agradecer o apoio do alcalde a esta entidade, e dixo que “o balance destes 108 anos de funcionamento do padroado resúmese en que todas as persoas implicadas mantemos o interese de facer un servizo á cidade de Ferrol”.











