O Concello de Cedeira inicia as obras para habilitar un parque didáctico no espazo natural da Xunqueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O Concello de Cedeira iniciou a pasada semana os traballos para a posta en valor do espazo natural da Xunqueira a través da creación dun parque didáctico e de natureza. Así o anunciou o alcalde da vila, Luis Rubido, para sinalar que a actuación lévase a cabo nun enclave natural privilexiado, xa que a pesares de situarse en pleno casco urbano é común nel a presenza dunha grande variedade de aves que o fan único. Agora, o Concello propónse aproveitar esa singularidade e convertila nun reclamo máis para veciños e visitantes. A intervención que o fará posible foi presentada pola Administración local á liña de axudas aberta polo Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia, co que se financiará mediante unha achega de 57.000 euros. E, según as estimacións municipais, este novo parque didáctico podería estar xa operativo o próximo mes.

A intervención lévase a cabo no entorno do río Condomiñas, máis concretamente na marxe esquerda, delimitando coa rúa Ortigueira. Zona de refuxio de paxaros e aves migratorias, tal que patos, ocas, cisnes, garzas, cormoranes, correlinos ou mesmo nutrias. Riqueza en canto a fauna que rivaliza coa flora típica do lugar. O obxectivo agora é a súa posta en valor, corrixindo as súas deficiencias en canto a equipamento e mobiliario e dotándoa de servizos que atraian a visita e estancia de veciños e visitantes. Así, a actuación prevista contempla a instalación duns 225 metros de baranda –traballos que xa se iniciaron, a instalación dunha caseta observatorio para aves, dunha segunda para servizos do parque e unha terceira para o abrigo de aves.

De igual xeito, ubicaráse un embarcadoiro para o uso de piraguas de cara a promover os paseos polo río e incorporaránse aseos públicos accesibles e panéis informativos sobre flora e fauna. Todo isto, con materiais respectuosos co medio como a madeira. A medio prazo, o alcalde tamén avanza a intención do Concello de potenciar o seu uso programando actividades para nenos e nenas como visitas guiadas ou rutas en piragua mediante acordos de colaboración con entidades.

3 de setembro de 2014 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.