O Concello da Laracha acomete melloras, mantemento e posta e punto nos colexios antes do inicio do curso escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O mércores da próxima semana, día 10 de setembro, comezará o curso escolar 2014-2015 para o alumnado do segundo ciclo de educación infantil, educación especial e educación primaria, iniciándose, por tanto, a actividade no CEIP Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco, Caión, A Revoltiña de Soandres e tamén no centro de educación infantil (escola unitaria) de Cumiáns, na parroquia de Montemaior.

Aproveitando as vacacións de verán, o Concello da Laracha, en coordinación coas direccións dos colexios, está a acometer unha serie de actuacións de mantemento, reparación e posta a punto para que tanto as instalacións como os equipamentos estean en perfectas condicións para recibir o novo curso escolar e, deste xeito, facilitar o labor tanto do persoal dos centros como dos docentes e, por suposto, do alumnado.

Nos catro CEIPs e na escola unitaria realizáronse limpezas integrais das instalacións tanto no interior dos edificios como nos espazos complementarios exteriores, así como as correspondentes reparacións e melloras eléctricas e de fontanería que foron requiridas por cada centro. Nos colexios que así o precisaron tamén se realizou o repintado de paredes e equipamentos interiores e exteriores (estanterías, pasamáns, etc.).

Ademais, no CEIP Otero Pedrayo da Laracha foi preciso reorganizar determinados espazos para adaptalos ás novas necesidades que presentará o centro no curso que empeza a semana que vén. A nova distribución permitiu ampliar a biblioteca e habilitar tres novas aulas que durante os próximos días serán completamente equipadas. Tamén foron repintandas as liñas das diferentes modalidades deportivas no patio cuberto do colexio.

Salientar, por último, que foi acometida a completa limpeza do exterior das instalacións do IES Agra de Leborís, no que o curso comezará o día 15 de setembro.

Durante todo o ano o Concello da Laracha mantén unha comunicación fluída cos equipos directivos dos centros de ensino, o que permite ao grupo de goberno coñecer de primeira man as necesidades que neles se presentan, realizándose a maioría das actuacións durante o verán aproveitando o cese da actividade nestas datas e, deste xeito, evitando molestias ás comunidades educativas.

2 de setembro de 2014 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.