O Concello da Coruña saca a concurso a segunda fase da reforma de San Agustín
O Concello, a través da área de Mercados que dirixe Luisa Cid, sacou a concurso o proxecto de mellora e acondicionamento estético dos postos de San Agustín, dentro do plan de rehabilitación e reforma do mercado iniciado hai un ano polo Goberno local para modernizar e potenciar a beleza do edificio.
Os traballos, cun orzamento de licitación de 275.901 euros, forman parte da segunda fase da reforma do mercado e céntranse na mellora estética da metade dos postos da froita -situados na planta baixa-, no acondicionamento do acceso principal e dunha parte do soto. En total, dos 90 postos da praza de San Agustín, a segunda fase do plan de rehabilitación afectará a 16 postos.
Así, un dos dous illotes onde se sitúan os postos da froita, na parte central da planta baixa, será reformada integramente para adecuar os postos ás necesidades de placeiros e clientes: disporán de peches de estrutura metálica, de novo mobiliario e eliminaranse as cubertas en forma de telladiños. Tamén terán unha maior superficie e unha estética máis acorde coas prazas de abasto do século XXI.
En canto á entrada principal do mercado, a reforma consistirá en acondicionar este espazo, duns 225 metros cadrados, para uso hostaleiro. A zona destinarase no futuro a cafetaría e restaurante, aínda que esta actuación formará parte da terceira fase do plan de rehabilitación, polo que as obras da segunda fase consistirán en traballos de acondicionamento e en recolocar os catro postos actuais (dúas panadarías, unha floraría e unha cantina) noutros baleiros situados na primeira planta e postos exteriores do mercado, estes últimos nos laterais do edificio.
As obras de mellora, acondicionamento e actualización obrigarán ademais a actuar no soto do mercado, xa que o baixo que agora ocupa un ultramarinos converterase nunha zona de vestiarios, servizo do que agora carecen os case 60 placeiros do mercado.
AS OBRAS, POLA TARDE
A concelleira de Mercados, Luisa Cid, asegurou que as obras se realizarán “polas tardes e de forma gradual” para entorpecer o menos posible a actividade do mercado. “A praza permanecerá aberta durante as obras”, insistiu a edil, quen lembrou que todos os placeiros dos postos afectados polas obras de mellora e acondicionamento serán recolocados noutros postos de San Agustín durante o tempo que duren os traballos.
No caso da froita, o traslado será temporal, xa que volverán aos seus postos unha vez finalizada a reforma dos mesmos, e no resto (panadarías, floraría, cantina e ultramarinos) habilitaranse outros postos alternativos, tamén adaptados e modernizados.
EN TRES FASES
A reforma do mercado de San Agustín executarase en tres fases. A primeira iniciouse o pasado ano coa instalación de dous ascensores panorámicos no acceso ao mercado pola rúa Pío XII, supresión de barreiras arquitectónicas e instalación de cortinas térmicas.
O orzamento ascendeu entón a 129.349 euros.
Cando finalice a segunda fase das obras, cuxa data de inicio se prevé para finais deste ano, comezaría a terceira e última fase do plan de rehabilitación,que incluiría o resto da planta baixa, a primeira planta e ao acceso principal ao mercado. En principio, a solución prevista polo Concello é destinar o espazo da primeira planta a usos hostaleiros e actividades culturais. Luisa Cid subliñou que o proxecto tentou recoller as suxestións e necesidades dos placeiros.











