O Concello da Coruña reparará a pista de tenis municipal do barrio de Elviña
O Concello da Coruña informa de que se mantén aberto o prazo, até as 13.00 horas do próximo venres, 5 de setembro, para a presentación de propostas para os traballos de reparación da pista de tenis de Elviña. Para este proxecto, o Executivo municipal reserva un orzamento de 34.786 euros.
O Goberno local segue adiante co seu programa de mellora dos equipamentos municipais e de potenciación do deporte base, especialmente entre os máis novos. O Concello reparará a pista de tenis municipal situada no barrio de Elviña, na rúa Rafael Alberti. A pista, que ocupa unha superficie de 875 metros cadrados, dispón de iluminación artificial e dun peche de malla. Os técnicos municipais certificaron que esta instalación deportiva presenta deficiencias que é preciso emendar: pavimento irregular, con perda de material e borrado de pintura nas zonas que sofren máis abrasión por uso, ademais de acumulación de auga e charcos en épocas de choiva.
O Concello sacou a concurso este novo proxecto de modernización e recuperación de espazos públicos e de lecer da cidade. En concreto, a empresa á que finalmente se lle adxudiquen os traballos encargarase da demolición e retirada da capa de formigón poroso existente para, posteriormente, colocar unha capa completa de formigón poroso con tratamento tennisquick -unha solución máis adecuada para o tipo de climatoloxía e de uso intensivo deste recinto deportivo ao aire libre-. Por último, repintarase a pista e as liñas de xogo, ademais de substituír a rede actual.
A renovación da pista de tenis de Elviña súmase a outros proxectos do Concello dirixidos á mellora dos equipamentos deportivos de titularidade municipal que existen na cidade. Neste sentido, este verán puxéronse de maneira gratuíta a disposición dos veciños -en especial dos residentes de Palavea, Pedralonga, Santa Gema e Eirís- as instalacións deportivas da Fábrica de Armas. Na primeira fase deste proxecto, cun investimento de 250.000 euros, acondicionáronse un aparcadoiro para 52 vehículos, a senda, o control de acceso e dos vestiarios e a zona propiamente polideportiva -un campo de fútbol sala, baloncesto e balonmán, e outra pista de herba-, ademais de instalar unha zona de xogos para nenos de 2 a 10 anos á beira da piscina infantil, unha lámina de auga e outra zona para eventos e lecer.











