O Concello da Coruña reitera o seu apoio ao antigo comité de empresa da Fábrica de Armas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O portavoz do Goberno municipal, Julio Flores, reuniuse esta mañá co antigo comité de empresa da Fábrica de Armas para reiterar que o Concello, como fixo até agora, ofrécelle o seu apoio para garantir tanto o futuro industrial do proxecto como o futuro laboral destes 61 extraballadores nos terreos de Pedralonga.

“Transmitimos ao comité de empresa que conta co noso apoio e agora toca despexar todas as incertezas sobre o concurso público e sobre o futuro destes 61 traballadores que mantiveron viva a chama do futuro industrial na Fábrica de Armas”, destacou o portavoz municipal á finalización do encontro co antigo comité de empresa, que á súa vez agradeceu o respaldo ofrecido desde o Goberno municipal.

Flores sinalou que existe unha “obrigación social” cos traballadores da Fábrica de Armas e que é necesario resolver todas as dúbidas que poidan ter: “Unha cousa é a obrigación legal do concurso, e outra cousa é a obrigación social nun novo proxecto que, para entrar con bo pé, ten que recoñecer o esforzo dos 61 traballadores”.

O portavoz municipal tamén lembrou que o actual equipo de goberno manterá o seu compromiso co proxecto da Fábrica de Armas: “Ningún goberno municipal apoiou con tanta intensidade e durante tanto tempo o proxecto industrial da Fábrica de Armas, e seguirémolo facendo ata que se garanta un proxecto sustentable. Os traballadores teñen o noso apoio desde o primeiro minuto para manter vivo o proxecto porque blindamos os terreos para que haxa obrigatoriamente un uso industrial fronte a intentos de especulación urbanística de anteriores gobernos municipais; e porque loitamos á beira destes traballadores pola viabilidade dun novo proxecto”. Neste sentido, Julio Flores lembrou que foi o actual Goberno local o que modificou o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que deixara o bipartito, o que permitiu manter o uso industrial nos terreos.

25 de setembro de 2014 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.