O Concello da Coruña recibe sete propostas para construír o centro cívico da Cidade Vella

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña recibiu sete propostas para o proxecto de rehabilitación e reestruturación parcial do edificio do antigo Goberno Militar, unhas obras que permitirán pór en funcionamento o centro cívico e o local para a asociación de veciños da Cidade Vella.

O Goberno municipal, que logrou a cesión gratuíta do edificio por parte do Ministerio de Facenda e Administración Pública, inviste 544.499 euros, segundo o orzamento de licitación. A previsión é que as obras poidan empezar no último trimestre deste ano para que, mentres se executan -o prazo é de 4 meses-, se licite tamén o equipamento ao longo do primeiro trimestre de 2015.

O Concello tramitou o expediente de licitación polo procedemento de urxencia para responder canto antes a esta solicitude dos veciños da Cidade Vella de fai máis de 20 anos. Dos 3.800 metros cadrados de superficie construída e distribuída en catro plantas, rehabilitaranse 897,55 metros cadrados entre a planta baixa (294,47), a primeira (260,08) e a segunda (343). O edificio, incorporado ao patrimonio municipal e valorado en 12 millóns de euros, é de gran valor histórico e construído no século XVII. Entre as principais obras que se executarán, destacan:

– Restauración da porta da rúa Verduría máis próxima á rúa Amargura, onde se mellorará a accesibilidade para facilitar a entrada ao centro cívico. Tamén se acondicionarán as xanelas de madeira onde se situará o novo centro cívico.

– Recuperación da estrutura existente no interior do edificio e a instalación dun ascensor panorámico no patio interior e a prolongación da escaleira principal que actualmente une a planta baixa coa primeira para que chegue até o segundo piso.

– Instalación da rede eléctrica, de fontanaría e calefacción e dos sistemas de protección contra incendios; ademais de amoblar a aula de cociña.

2 de setembro de 2014 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.