O Concello da Coruña recibe seis propostas para a reforma do centro cívico dos Rosales

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña recibiu un total de 6 propostas para o proxecto encargado pola Concellaría de Servizos Sociais para as obras de mellora no centro cívico dos Rosales e resolver así as deficiencias estruturais -especialmente, problemas de humidades- que presenta este inmoble, cuxa construción se finalizou en 2008, á vez que se axusta ao Código Técnico da Edificación e mellórase a seguridade de usuarios e persoal.

O Concello sacou a concurso a reforma do centro cívico por un importe que ascende a 343.186,69 euros, e un prazo de execución máximo de 4 meses. Na actualidade, o edificio, de 1.124 metros cadrados e situado no número 1 da praza Elíptica de Os Rosales, presenta unha serie de patoloxías relacionadas sobre todo con humidades en pavimentos, cerramentos e cuberta, e que, á súa vez, xeran outros problemas na estrutura do inmoble, como corrosión de vigas metálicas, danos na cuberta e problemas de ventilación.

O Goberno municipal quere aproveitar a necesidade de realizar estas obras de remodelación do centro cívico dos Rosales para mellorar tamén a seguridade de usuarios e persoal adecuando o inmoble ás directrices que marca o Código Técnico da Edificación.

Desta maneira, adaptaranse os percorridos de evacuación, redefinindo a escaleira existente, ampliándoa e cambiando o seu trazado. Ademais, en resposta a unha solicitude do propio persoal do centro, delimitarase un pequeno recinto na zona de acceso para deixar un espazo para almacén. Tamén se limparán os sumidoiros e canaletas de cuberta e patio exterior -repóndoos en caso de estar deteriorados ou ampliándoos en caso de resultar insuficientes- e instalaranse tres novas luminarias no recinto de recepción.

OUTROS PROXECTOS

A reforma do edificio dos Rosales forma parte dun ambicioso plan da área de Servizos Sociais para mellorar as infraestruturas cívicas municipais durante o período 2013-2015, cun investimento programado para 2014 que alcanza os 900.000 euros. Así, este mesmo ano termináronse os traballos de acondicionamento do centro cívico de Palavea, onde se reparou a cuberta e executáronse obras no interior do inmoble para adaptalo ás necesidades dos veciños do barrio: máis espazo, maior luminosidade e mellor climatización. Tratouse da primeira reforma que levou a cabo no centro cívico desde a súa posta en marcha 1991. No principio do ano, tamén se finalizaron as obras de de acondicionamento do centro cívico municipal do barrio de Monte Alto, e que consistiron na remodelación da entrada do centro desde a praza dos Avós e a ampliación do espazo dedicado ao servizo municipal de canguros co obxectivo de poder situar unha ludoteca. Foron os traballos de mellora máis importantes que se realizaron neste inmoble desde a súa inauguración en 1995.

O Concello tamén sacou a concurso as obras de rehabilitación e reestruturación parcial do antigo Goberno Militar para destinar unha parte a centro cívico e local da asociación de veciños da Cidade Vella. O proxecto execútase tras lograr a cesión gratuíta deste inmoble de gran valor histórico e construído no século XVII, que alcanza os 3.800 metros cadrados e cuxo valor contable é de 12 millóns de euros. O investimento municipal nesta obra é de 544.499 euros, co obxectivo de que os traballos empecen no último trimestre deste ano. Dos 3.800 metros cadrados de superficie construída e distribuída en catro plantas, rehabilitaranse 897,55 metros cadrados, distribuídos entre a planta baixa (294,47), a primeira (260,08) e a segunda (343).

En 2013 xa se destinaron 700.000 euros ao programa de mellora das infraestruturas cívicas municipais, o que permitiu, ademais de comezar as obras en Palavea e Monte Alto, abordar a urbanización das contornas de Eirís e Novo Mesoiro; arranxar a cuberta de
Os Mallos; pintar en Feáns; reparar a fachada de San Diego; mellorar o illamento da cuberta de O Castrillón; reparar cubertas, pintar accesos e acondicionar de almacéns de Os Mariñeiros. A maiores deste investimento, destinouse un millón de euros para o centro Nova Boandanza no Agra do Orzán, inaugurado este ano.

SERVIZO DE CANGUROS MUNICIPAIS

O Concello tamén informa de que recibiu 5 propostas para o servizo de atención á infancia para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. O contrato sacouse a licitación mediante procedemento aberto, cun orzamento de 391.096 euros durante os dous anos que dure este servizo de canguros municipais, tamén coñecido como Concilia os teus tempos.

A través do programa Concilia os teus tempos, ao longo do exercicio 2013 cubríronse as peticións de 620 familias, o que supuxo atender a un total de 857 nenos e nenas de entre 4 meses e 12 anos. O Concello, a través do departamento de Servizos Sociais, destinou o ano pasado a este servizo 163.299,88 euros (o 67% do orzamento), que se suman aos 80.000 euros do convenio de colaboración asinado coa Deputación da Coruña. En total, o Goberno municipal investiu 243.299,88 euros.

O servizo de canguros municipais Concilia os teus tempos atendeu, ao longo de 2013, a 620 familias (un 32,2% máis que en 2010) e 857 menores (un incremento do 31,8%) nun total de 17.023 servizos (34,2% máis que en 2010) a través das súas diversas modalidades: en centros cívicos e espazos de atención á infancia (como o Centro de Información á Muller); na ludoteca de Novo Mesoiro; e a través do servizo a domicilio.

 

MODALIDADE

(Ano 2013)

FAMILIAS

MENORES

USOS

Espazos de Atención Infantil

334

464

11.186

Servizo a domicilio

172

242

3.030

Ludoteca

114

151

2.807

TOTAL

620

857

17.023

O principal obxectivo deste programa da área que dirixe o concelleiro Miguel Lorenzo é contribuír a conciliar a vida persoal, familiar e laboral, con especial atención ás mulleres, ofertando coidados básicos e atencións de carácter lúdico, social e educativo aos seus menores e potenciando o benestar das unidades familiares, presentado estes contidos como un recurso educativo, de socialización e creativo no tempo libre de nenos e nenas. O programa diríxese a nenos de entre 4 meses e 12 anos, en función da modalidade do servizo (por exemplo, na atención a domicilio pódense apuntar familias con bebés da partir de 4 meses, mentres que nos espazos de atención infantil é a partir dos 4 anos).

No caso dos espazos de atención infantil, ao longo de 2013 ofreceuse este servizo de conciliación a 334 familias (das que o 94% solicitaron esta modalidade por motivos laborais), 464 nenos (un 2,4% máis que en 2012 e un 17,2% máis que en 2010) e 11.186 usos. Na modalidade de atención a domicilio, incrementáronse as unidades familiares nun 2,38% con respecto a 2012, até alcanzar as 172 familias en 2013, o que representa 242 menores (3,42% máis que o ano anterior) e 3.030 servizos (incremento do 8,5%). Neste caso, a maioría das peticións foron tamén por motivos de traballo (o 91,5%).

Na ludotecta de Novo Mesoiro, ao longo do ano pasado, a Concellaría de Servizos recibiu peticións de 114 familias (4,6% máis que en 2012) para atender a 151 nenos e nenas (11,3% máis), o que supón un total de 2.807 servizos. Neste caso, o principal motivo para solicitar este servizo foi para cubrir o espazo de lecer e tempo dos menores.

13 de setembro de 2014 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.