O Concello da Coruña propón un trazado de tren ao porto exterior para evitar afeccións paisaxísticas e sociais na comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, informou esta mañá de que o Concello presentará alegacións ao trazado do acceso ferroviario ao porto exterior co obxectivo de buscar un consenso entre todas as administracións, proxectar o mellor percorrido posible e expor ao Ministerio de Fomento unha solución que sexa tecnicamente viable, compatible coa futura Cuarta Rolda, e que ao mesmo tempo evite afeccións paisaxísticas, sociais e empresariais na área metropolitana coruñesa.

O alcalde coruñés destacou o “contacto permanente” que mantén o Goberno municipal coa Dirección Xeral de Ferrocarrís, a Autoridade Portuaria e co resto de concellos da comarca -neste caso, con especial atención ao municipio de Arteixo- para traballar con “perspectiva metropolitana” na conexión de tren ao porto exterior de punta Langosteira.

O prazo para presentar alegacións ao proxecto finaliza o vindeiro mércores. O Concello está a elaborar a súa proposta para entregala dentro deste prazo de consulta. En concreto, o Goberno local decántase pola opción 2B, que propón conectar a dársena de Langosteira aproveitando as vías de tren existentes en Pocomaco. Esta solución facilita a conexión con outros polígonos industriais situados entre a cidade e o porto exterior -como As Rañas, Vío e Pocomaco- e co Viario 18, que conectará a Terceira Rolda coa AP-9. A opción 2B tamén reduce o impacto do trazado sobre a área metropolitana ao discorrer parte da vía por túneles.

O Concello da Coruña considera que a opción 2B é a mellor dentro das propostas expostas polo Ministerio de Fomento, aínda que tamén aproveitará para presentar cambios nos trazados recollidos nas solucións 1 e 3 co obxectivo de mellorar estas posibles conexións de tren a Langosteira.

“Optamos pola opción 2B porque é unha solución tecnicamente viable e evita afeccións paisaxísticas, sociais e empresariais non desexables que agora se producen coa opción 3”, sinalou o alcalde, quen aclarou que o Concello condiciona a opción 2B a que ao mesmo tempo se preserve o trazado previsto para a Cuarta Rolda -será necesario executar un paso a dúas alturas no cruzamento que se producirá entre a futura Cuarta Rolda e o trazado ferroviario contemplado na opción 2B-. Tal e como explicou o alcalde, a Cuarta Rolda será un proxecto estratéxico para as comunicacións, pois se trata dunha estrada -sección autovía- que conectará o porto exterior coa dársena interior.

29 de setembro de 2014 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.