O Concello da Coruña inviste 471.698 euros na renovación da praza de Mosteiro de Cines e a mellora da rúa Obsevatorio
O Concello da Coruña informa da adxudicación de dous proxectos no Agra do Orzán enmarcados dentro do plan Urbana C e que supoñen un investimento na mellora de espazos públicos no barrio de 471.698 euros. En concreto, o Goberno municipal, a través da Concellaría de Infraestruturas, renovará a praza de Mosteiro de Cines e mellorará a accesibilidade na rúa Observatorio.
O Concello recibiu un total de 29 propostas para a renovación da praza de Mosteiro de Cines, unha obra que se licitou por 499.839,23 euros e un período de execución de 6 meses. A oferta gañadora, presentada por Xestión Ambiental de Contratas, non só reduce nun 19,5% o investimento necesario -o orzamento de adxudicación é de 402.220,63 euros, o que supón un aforro de 97.618,60 euros-, senón que tamén acurta os prazos de obra -de 6 a 4 meses-.
O departamento municipal de Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado proxecta a remodelación desta praza situada entre os barrios do Agra do Orzán e O Ventorrillo, un espazo público usado fundamental polos residentes da zona e que, debido ao seu deseño actual, é pouco utilizado polos peóns.
Para lograr un mellor aproveitamento da praza e un maior goce deste espazo libre, o Concello busca con esta obra contar cunha praza máis aberta, de plataforma única e que favoreza a comunicación peonil. Así, integrarase o interior da praza nos percorridos peonís e o tráfico rodado restrinxirase na rúa Mosteiro de Toxos Outos para dar maior protagonismo ao cidadán que se desprace a pé. Ademais, a rúa Antonio Pedreira Ríos cambiará de sentido, polo que a mobilidade na zona está garantida ao discorrer por vías con maior capacidade de tránsito.
O departamento de Infraestruturas tamén aproveita a remodelación da praza para incrementar a oferta de xogos infantís e para reservar o espazo suficiente para a celebración de actividades populares e culturais. Ademais, recuperarase e reforzarase o valor da fonte e a estatua conmemorativa de Pucho Boedo que xa existen na praza. O novo proxecto municipal tamén recolle a plantación de árbores, de pantallas vexetais e o mantemento na súa localización actual de dúas palmeiras de gran valor. Por último, renovarase a iluminación, adaptando os farois ao novo deseño e con equipos LED máis eficientes, e colocarase mobiliario urbano (bancos, fontes e papeleiras).
CALE OBSERVATORIO
A segunda adxudicación enmarcada dentro do plan Urbana C é para a reforma da rúa Observatorio. Para a execución destas obras presentáronse 27 propostas. Finalmente, adxudicouse a Escavacións J. Cancela Esmorís, que reduce en 38.731,50 euros, un 35,8%, o orzamento de licitación. Así, o Concello inviste neste proxecto 69.477,84 euros e un prazo de execución de 3 meses.
O proxecto da rúa Observatorio inclúe a creación dunha plataforma única para favorecer a comodidade do usuario, con beirarrúas e vaos peonís máis amplos para mellorar a accesibilidade, seguindo así as directrices que xa se fixaron noutras actuacións de similares características, como a reforma integral da rúa Cuba. Na actualidade, a rúa Observatorio conta con dúas beirarrúas estreitas que dificultan a mobilidade peonil.
A nova intervención urbanística que desenvolverá a Concellaría de Infraestruturas dentro do plan Urbana C tamén permitirá contar con máis árbores e novo mobiliario urbano na contorna da rúa Observatorio. Ademais, dotarase á vía de rede separativa de saneamento e canalizacións para iluminación e telecomunicacións das que carecía. Tamén se recollerán as augas pluviais procedentes das baixantes dos inmobles, así como a instalación dunha rede nova de sumidoiros que recollan a auga de choiva.