O Concello da Coruña investirá 1,8 millóns de euros en tres proxectos de mellora da mobilidade en Visma e As Ánimas
O Concello aprobou na Xunta de Goberno Local un investimento que supera os 1,8 millóns de euros para proxectos que mellorarán a mobilidade no barrio de San Pedro de Visma e no tramo do paseo marítimo que se atopa á altura da zona das Ánimas. Estas iniciativas forman parte do compromiso municipal de modernizar as rúas e espazos públicos da Coruña. Na sesión desta mañá tamén se concederon licenzas urbanísticas, cuxa execución supón un desembolso económico de 2,45 millóns de euros na cidade. Destacan os permisos para instalar sete ascensores e seis plataformas elevadoras en inmobles de diferentes puntos do centro urbano. Ademais, deuse o visto e prace a unha subvención de 124.185 para a rehabilitación dun edificio da Sagrada Familia.
VISMA
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá un investimento de 1.345.960 euros para mellorar a mobilidade e as comunicacións no barrio de San Pedro de Visma. En concreto, a Concellaría de Infraestruturas executará dous proxectos que darán máis protagonismo ao peón e permitirán mellorar a circulación na contorna e as conexións co resto da cidade: por unha banda, a reurbanización das rúas San Pedro de Visma e do Río; e polo outro, a creación dun novo viario desde a rolda de Outeiro -á altura da rotonda do pavo real- á rúa Loureiro.
A tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Galego, destacou, tras a celebración da Xunta de Goberno Local, que o Concello segue adiante co seu plan de modernización de viarias e espazos públicos da cidade. No barrio de Visma, o investimento máis importante é para a reurbanización das rúas San Pedro de Visma e do Río, cun orzamento para a súa licitación de 820.160 euros e un prazo de execución de 8 meses.
Este primeiro proxecto da Concellaría de Infraestruturas mantén o trazado actual polo interior do barrio de Visma, renovando o pavimento e executando gabias para o soterramento da iluminación, o deseño dunha canalización de pluviais para realizar unha rede separativa da rede de augas residuais, e trázase unha rede de telecomunicacións ao longo de todo o ámbito para nun futuro poder enterrar os servizos existentes sen necesidade de levantar o asfalto. Tras a demolición do pavimento existente, repavimentarase o viario con lastro, formigón ou asfalto, en función do tramo de rúa. Tamén se instalarán bancos e papeleiras e plantaranse árbores.
A segunda actuación urbanística aprobada para o barrio de San Pedro de Visma autoriza sacar a concurso un novo viario entre a rolda de Outeiro -á altura de Manuel Murguía e a Terceira Rolda- e a rúa Loureiro. Cun orzamento de 525.310 euros e cun prazo de execución de tamén 8 meses, o novo acceso ao barrio será de sentido único e apóiase sobre a rúa Pardiñas, cun ancho de calzada de 3,5 metros, unha beirarrúa á beira dereita de 1,8 metros e unha beiravía na marxe esquerda de 0,5 metros.
Infraestruturas aproveitará a execución desta nova vía para modificar a rúa Pedreiras: mantense o sentido único de circulación pero engádese unha beirarrúa de 1,8 metros no bordo esquerda, amplíase a calzada até os 3,5 metros e deséñanse aparcadoiros en liña na marxe dereita nas inmediacións dos futuros campos de fútbol.
A tenente de alcalde Rosa Galego lembrou que estas melloras se suman a outra serie de proxectos que darán un impulso definitivo ao barrio de San Pedro de Visma e os seus arredores, cun investimento final que rolda os 12 millóns de euros. Á inauguración esta mesma semana da nova sede de Pai Rubinos, engádese a próxima execución dun gran parque que levará o nome de Adolfo Suárez e a construción de dous campos de fútbol, os viarios de acceso e a futura sede da Federación Galega de Fútbol. En total, 100.000 metros cadrados para o uso e goce dos cidadáns, con especial atención aos veciños de Visma, Labañou, Agra do Orzán e Os Rosales.
PASEO MARÍTIMO
A Xunta de Goberno aprobou o expediente para a licitación dun terceiro proxecto da área de Infraestruturas para a mellora dos espazos públicos da cidade. Neste caso, trátase da remodelación do paseo marítimo no tramo das Ánimas, unha obra orzada en 464.535,50 euros e un prazo máximo de execución de 4 meses.
O novo proxecto da área que dirixe Martín Fernández Prado suporá a reforma do actual cruzamento das Ánimas co castelo de San Antón e o Paseo de O Parrote. Así, da praza triangular que existe agora pasarase a unha glorieta de dous carrís que se axustará mellor ás necesidades que demanda a mobilidade nesta zona. Neste sentido, Rosa Galego destacou que a nova rotonda favorecerá a comunicación co novo túnel de O Parrote e, por tanto, a conexión co viario subterráneo da Mariña que se atopa en execución e co túnel de María Pita, que tamén se reformará. Ademais, a rotonda proxectada nas Ánimas, deseñada para permitir o movemento de camións e autobuses, tamén contribuirá a facilitar a circulación en superficie dos vehículos que se desprazan por esta zona.
A Concellaría de Infraestruturas aproveitará a execución destas melloras no tráfico no paseo marítimo para remodelar o Paseo de O Parrote, entre a nova glorieta e a intersección cara á rúa da Maestranza. Así, reporanse os pasos de peóns existentes, o carril bici e as beirarrúas, ademais de deseñar a iluminación e o saneamento de pluviais para a nova configuración de viarias.
O proxecto inclúese xunto a outras iniciativas impulsadas nesta zona emblemática da cidade para mellorar a mobilidade -especialmente a accesibilidade peonil- e achegar ao cidadán ao centro histórico e á muralla do Paseo de O Parrote. Así, á reurbanización da Mariña e O Parrote, súmanse tamén os proxectos gañadores do concurso de ideas para recuperar o paseo da muralla e a zona do xardín de San Carlos-Hospital Abente e Lago-Paseo de O Parrote; ou o plan de peonalización da Cidade Vella.
Esta nova obra nas Ánimas tamén responde o compromiso do Goberno municipal de reformar e modernizar o paseo marítimo coruñés, un obxectivo que xa se está cumprindo na zona de Orzán e Riazor, onde o Concello investiu até o momento 1,6 millóns de euros.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno tamén concedeu esta mañá permisos urbanísticos que suporán un investimento na cidade de 2,45 millóns de euros, o que eleva a cantidade desde o inicio do mandato até os 306 millóns. Destacan as licenzas para a instalación de sete ascensores en edificios das rúas Real, Frei Pedro Payo Piñeiro, Arcadio Vilela Gárate, Alcalde Lens, San Pedro de Visma e Damas; e para a colocación de seis plataformas elevadoras para chegar á cota cero en inmobles de Costa da Palloza, José Luís Bugallal Marchesi, Antonio Ríos e Santiago. Coa autorización destas licenzas favorecerase a mobilidade e accesibilidade dos veciños ás súas vivendas e á vía pública.
A proposta do departamento de Rehabilitación, a Xunta de Goberno tamén aprobou unha subvención de 124.185 euros para a reforma da fachada, as medianeiras e a cuberta do inmoble situado no número 18 da rúa San Lucas, dentro da área de Rehabilitación Integral do barrio da Sagrada Familia. O importe final desta axuda repártese entre 15 propietarios do edificio.
NOMEAMENTO
A Xunta de Goberno ratificou a designación do presidente de Renacer, José Fernández Pernas, como representante do Concello da Coruña no Padroado da Fundación Galicia Obra Social. O Executivo municipal decidiu designar a José Fernández Pernas como representante por parte da Coruña dada a súa traxectoria e a da fundación que preside, tras case 30 anos traballando na cidade en favor dos máis necesitados.
O Concello adoptou este acordo tras solicitarlle a Consellería de Facenda que designase o seu representante para o novo Padroado da Fundación Galicia Obra Social, cun mandato inicial de cinco anos, renovable por outros cinco. O Goberno municipal destaca que Fernández Pernas reúne todos os requisitos necesarios, con extraordinarios coñecementos e experiencia en materia social. Neste sentido, entre os recoñecementos públicos que recibiu a Fundación Renacer, destaca o Premio Estatal ao Voluntariado Social, que Fernández Pernas, en nome desta entidade, recolleu en 2011 de mans dos entón Príncipes de Asturias.
PICASSO
A Xunta de Goberno deu o visto e prace á modificación do Comité de Honra do 120 aniversario da primeira exposición do pintor Pablo Ruiz Picasso, que tivo lugar en 1895 e para a que se celebrará na Coruña unha exposición, titulada O primeiro Picasso, entre o 20 de febreiro e o 24 de maio do 2015. O novo acordo adóptase tras a notificación enviada desde a Casa Real -por mor dunha solicitude do Concello- na que se ratifica que os Reis de España, Felipe VI e dona Letizia, presidirán este Comité de Honra, pois cando se constituíu eran aínda Príncipes de Asturias. Esta exposición é o primeiro acontecemento de interese excepcional aprobado polo Estado na cidade e marcará un fito no coñecemento da etapa coruñesa de Picasso.











