O Concello da Coruña incrementa en 2 millóns de euros o investimento en proxectos sociais, accesibilidade e espazos públicos
A Xunta de Goberno Local aprobou un modificativo de crédito por 2,51 millóns de euros que permitirá mellorar a calidade de vida dos coruñeses: novo investimento en programas de colaboración con entidades sociais e deportivas, políticas de emprego, modernización dos espazos públicos ou o incremento das axudas para que os veciños poidan executar obras de accesibilidade e instalación de ascensores nos seus edificios.
Na sesión celebrada esta mañá, tamén se autorizou a ampliación do convenio para a Restauración das Murallas e Adecuación da Contorna, asinado polo Concello e a Autoridade Portuaria en 1997, o que permite incluír novos espazos públicos que adquiriron un carácter eminente urbano -como o dique de abrigo, a dársena de Oza ou a entrada ao porto de San Diego- e, por tanto, abrir a cidade ao mar.
MODIFICATIVO
O concelleiro de Economía e Facenda, Roberto Coira, explicou que o modificativo de crédito, que levará agora ao pleno do próximo 6 de outubro para a súa aprobación inicial e posta a exposición pública, alcanza os 2,51 millóns de euros, que se investirán fundamental en proxectos que melloran a calidade de vida dos veciños e para facer fronte a débedas orixinadas en anteriores mandatos municipais.
A Concellaría de Servizos Sociais, que conta co orzamento máis importante da historia desta cidade, con máis de 15,5 millóns de euros, disporá agora doutros 387.061 euros grazas a este modificativo, onde destacan as seguintes partidas:
– 244.061 euros para financiar a nova sede de Down Coruña nun edificio cedido de maneira gratuíta polo Concello durante 75 anos.
– 33.000 euros para o plan municipal para persoas con discapacidade, 20.000 euros máis para os programas da Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga (ACLAD) e outros 20.000 euros para afianzar o compromiso de colaboración municipal coa Cociña Económica.
– 139.000 euros para convenios con 14 entidades da cidade. Neste modificativo, destacan os 60.000 euros para o programa de axudas sociais de Cáritas.
Con este investimento no modificativo, o Goberno municipal dedica este ano un total de 2,49 millóns de euros a colaborar coas entidades sociais, un 87% máis que no orzamento municipal de 2011 (é dicir, 1,16 millóns de euros máis).
-18.000 euros para a reposición de mobiliario do centro cívico de Pescadores.
O Goberno municipal tamén aproveita este modificativo para consolidar o seu decidido compromiso pola mellora dos espazos públicos e da accesibilidade dos veciños ás súas vivendas. O investimento final para ambos os conceptos roldará os 1,2 millóns de euros. Neste sentido, o orzamento de 2014 para a modernización de espazos públicos, mellora da accesibilidade e execución de proxectos urbanísticos elevarase até os 23,5 millóns. As principais partidas incluídas neste modificativo son:
-400.000 euros para o contrato de reparación de firmes e mantemento de beirarrúas e áreas peonís. En 2014, o orzamento municipal para os programas de reparación, mantemento, modernización e humanización de rúas e beirarrúas rolda os 9 millóns de euros.
-230.554 euros para a terceira fase do plan de renovación de firmes, que inclúe 6 vías públicas da cidade (estrada dos Fortes, rúa Almirante Lángara, avenida de Arteixo, rúa Cabaleiros, rúa Obradoiro e estrada do cemiterio de Feáns). Así, o investimento final será de 1,44 millóns.
-220.000 euros para realización de traballos técnicos.
-200.000 euros para subvencións de accesibilidade e instalación de ascensores en edificios. Así, o Plan de Ascensores para 2014 alcanza os 1,2 millóns de euros, un 33% máis que en 2013.
-121.650 euros para a mellora da accesibilidade na zona de Riazor. Desta maneira, o plan de mellora de accesibilidade proxectado pola área de Infraestruturas para 2014 chega aos 1,5 millóns de euros.
O concelleiro de Economía e Facenda tamén apuntou que o modificativo de crédito aprobado na Xunta de Goberno para o seu traslado ao pleno do mes de outubro inclúe outros proxectos importantes:
-40.000 euros para o plan de acondicionamento desenvolvido pola Concellaría de Educación nos colexios públicos de Infantil e Primaria. En concreto, o investimento permitirá a instalación de xogos e pavimento de caucho nos patios dos centros Raquel Camacho, María Barbeito e Curros Enríquez.
-Destinar 20.000 euros para a organización de torneos e outros 180.000 euros para a firma de 18 convenios con entidades deportivas, dentro da aposta do Goberno local polo fomento do deporte base. Neste apartado, destacan as subvencións que se conceden a tres asociacións de referencia na cidade: a Asociación de Fútbol Afeccionado, o Club Básquet Coruña e o Hockey Club Liceo. Cada unha deste tres entidades percibirá 45.000 euros. No caso da Asociación de Fútbol Afeccionado, o orzamento final do Concello para 2014 alcanza os 240.000 euros, co que en tres anos destináronse máis de 700.000 euros a esta entidade que agrupa a 29 clubs e organiza actividades para máis de 5.000 nenos e nenas da cidade.
-232.007 euros aos Museos Científicos Coruñeses para sufragar a reparación dos danos sufridos durante os temporais do último inverno no exterior do Aquarium Finisterrae.
-O Concello tamén incorpora ao seu orzamento 99.500 euros para un convenio coa Fundación do Instituto Feiral da Coruña (IFECO) para o desenvolvemento de actividades de promoción económica, dentro do espírito de colaboración en proxectos que contribúan a mellorar o acceso ao mercado laboral e a formación dos coruñeses.
O Goberno municipal elaborou este modificativo de crédito non só para executar proxectos que redundan nunha mellor calidade de vida dos veciños, senón que tamén se aprobou para facer de nova fronte ao pago de débedas urbanísticas xeradas pola xestión de anteriores equipos de goberno. En concreto, dedícanse 316.773 euros:
-234.186 euros correspondentes a retencións de IRPF reclamadas pola Axencia Tributaria pola organización do trofeo Teresa Herrera de fai 15 anos, en 1999.
-46.205 euros pola liquidación dunhas obras de reparación realizadas no Fórum Metropolitano en 2008.
-36.382 euros para o pago de facturas que quedaron pendentes polos traballos de demolición de soleiras do mercado provisional que se instalou na praza de Pontevedra mentres se construía o novo mercado municipal da praza de Lugo.
Estes 316.773 euros súmanse aos 4 millóns que xa se recollen no orzamento de 2014 para sentenzas e débedas urbanísticas, polo que a cantidade final agora elévase ata os 4,3 millóns de euros.
O modificativo de crédito finánciase, sobre todo, grazas a baixas de crédito, entre as que se atopan o aforro na adxudicación de proxectos -ao rebaixarse o seu importe final con respecto ao prezo de licitación-, nos contratos de limpeza, mantemento de zonas verdes e recollida de residuos (267.647 euros), no gasto do servizo de telecomunicacións (70.447 euros) e a redución do gasto superfluo en 44.000 euros, dos que 20.000 corresponden ao capítulo de relacións públicas, 15.000 euros de atencións protocolarias e representativas e 9.000 euros de reunións, conferencias e cursos.
Na Xunta de Goberno tamén se aprobou un modificativo do orzamento do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) por un total de 196.500 euros que se destinarán a proxectos do Teatro Rosalía e á organización de actividades de dinamización.
ESPAZOS URBANOS
A Xunta de Goberno tamén deu o visto e prace á ampliación do convenio para a Restauración das Murallas e Adecuación da Contorna, asinado polo Concello e a Autoridade Portuaria en 1997, no que se establecía que o Executivo municipal se facía cargo de diferentes servizos (limpeza pública e recollida de residuos urbanos; iluminación pública; xardinaría, conservación e mantemento de infraestruturas, pavimentos ou instalacións, conservación do mobiliario urbano; vixilancia; e regulación do tráfico e conservación das instalacións de seguridade e regulación) entre o paseo de O Parrote e o arranque do dique de abrigo, as avenidas de Alférez Provisional e Primo de Rivera (nos tramos dentro da zona de servizo dos peiraos), e zonas portuarias situadas na contorna das murallas.
Na ampliación do convenio, inclúense novos espazos públicos da Autoridade Portuaria que adquiriron un carácter eminente urbano e, por tanto, que están vinculados a usos urbanos. En concreto, as novas zonas incluídas no convenio son:
-Dique de abrigo.
-Espazos portuarios do exterior do porto entre o dique e a rotonda de entrada ao porto de San Diego.
-Estrada exterior desde o cruzamento coa avenida do Exército até a rotonda de entrada á dársena de Oza.
-Esquina sur da dársena de Oza (inclúe o faro e a súa contorna).
-Redes de saneamento.
Este convenio certifica o compromiso do Goberno municipal de recuperar a fachada marítima da cidade e devolver espazo aos cidadáns, conservando e recuperando o patrimonio da cidade para xerar novas zonas lúdicas, turísticas e culturais. “O obxectivo principal é integrar ao máximo posible a fachada marítima da cidade na trama urbana e que, dunha vez por todas, A Coruña ábrase e mire ao mar”, destacou Roberto Coira.
O concelleiro explicou que o convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2015 por un prazo de 10 anos, aínda que a Autoridade Portuaria comprométese a executar antes do 30 de xuño do próximo ano obras de acondicionamento nas novas zonas cedidas ao Concello para a súa xestión, ademais de traballos de saneamento para antes do 31 de decembro de 2015. A Autoridade Portuaria destinará 500.000 euros a estas melloras.
MEDIO AMBIENTE
O Goberno municipal, a proposta da Concellaría de Medio Ambiente, tamén acordou ampliar a convocatoria pública para a asignación dos hortos de lecer situados á altura do número 2 da rúa Fragas do Eume, no barrio de Novo Mesoiro.
O Concello toma esta decisión porque as inscricións realizadas non cobren a oferta de 89 hortos urbanos, polo que esta segunda convocatoria diríxese a asociacións, colectivos, centros educativos ou culturais interesados, que poderán presentar a súa solicitude en calquera das oficinas do Rexistro Oficial do Concello.
Esta decisión mantén a filosofía que o Goberno municipal quixo transmitir a través desta iniciativa pioneira e inédita na cidade da Coruña, cuxos principais obxectivos son de ámbito social (actividades de formación, educativas e de lecer), saudable (consumo de produtos ecolóxicos), cultural (a tradición hortícola forma parte da cultura popular e foméntase o emprego de variedades locais), ambiental (coidado da natureza, respecto ambiental, compostaxe de residuos orgánicos, recuperación de espazos, autoconsumo e sustentabilidade) e de ámbito económico (derivados do consumo propio de produtos alimenticios).
Os hortos de lecer para práctica de agricultura ecolóxica e as súas instalacións complementarias situaranse nunha parcela de 8.309 metros cadrados xunto ao número 2 da rúa Fragas do Eume, en Novo Mesoiro. Cada horto conta cunha superficie de 50 metros cadrados e a súa adxudicación levará aparellada un armario para almacenar apeiros e útiles. Todos os hortos estarán dotados de acometida de auga para a rega.











