O Concello da Coruña destina 330.000 euros a programas de erradicación do chabolismo
O Concello aprobou destinar 330.000 euros a través dun convenio que asinará coa Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social para continuar este ano co seu compromiso pola integración social das familias, dentro do Programa Municipal de Erradicación do Chabolismo. A Xunta de Goberno Local deu o visto e prace a este investimento e á firma do acordo de colaboración.
Este convenio, en anos anteriores, era desenvolvido polo Concello a través da Fundación Secretariado Xitano (FSG), que tamén se encarga doutros proxectos municipais na cidade. Foi precisamente a Fundación Secretariado Xitano a que solicitou que outra entidade se encargase da prestación deste servizo de reinserción social.
Coa finalidade de seguir avanzando en todo o proceso iniciado co reacollo de Penamoa, pero ligado tamén aos asentamentos que quedan na cidade -en especial, A Pasaxe- e ás necesidades das familias de etnia xitana do municipio, a Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social asume a testemuña da FSG no Programa de Erradicación do Chabolismo, dentro da aposta municipal pola integración social e, especialmente, no acceso a unha vivenda. Así, a proposta da Concellaría de Servizos Sociais, a Xunta de Goberno Local celebrada onte decretou que o Concello firme este convenio por importe de 330.000 euros coa Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social.
Nos orzamentos municipais deste ano, Servizos Sociais xa reserva estes 330.000 euros para a firma deste convenio vinculado ao programa de erradicación do chabolismo. A maiores deste investimento, o Goberno municipal destina en 2014 outros 32.500 euros para o programa Acceder, que conta, do mesmo xeito que en 2013, con fondos europeos, un programa co que a través da Fundación Secretariado Xitano se traballa na inclusión social e no acceso ao emprego, un plan que serve como paso seguinte no apoio aos procesos de inserción sociolaboral. Nesta mesma liña de esforzo e compromiso na erradicación do chabolismo, o Concello mantén unha estreita colaboración con outras entidades sociais da cidade, como é o caso de Antonio Noite, á que destina 30.000 euros para contribuír aos gastos de financiamento do seu programa de integración social das familias que habitan en infravivendas.
BOLSAS COMEDOR
A Xunta de Goberno tamén aprobou un importe adicional de 25.000 euros para cubrir o programa de bolsas comedor do curso 2013-2014. Como se trata dun servizo cun número de usuarios que non é posible determinar de antemán e ante o compromiso do actual equipo de goberno de que non exista lista de espera, é necesario incrementar en 25.000 euros o investimento que se realizou este ano -en concreto, durante o último curso académico-.
O acordo da Xunta de Goberno, a proposta da área de Servizos Sociais, aclara que este novo investimento obtense dos 67.250 euros para o programa de bolsas comedor que se asignaron no modificativo de crédito de 2014.
Para este novo curso académico que empeza, xa se concederon un 32% máis de bolsas, o que supón un incremento, con respecto ao curso 2010-2011, de case o 93%. Así, durante 2014-2015, un total de 928 nenos e nenas poderán beneficiarse desta importante axuda coa que o Goberno local aposta por favorecer hábitos saudables entre os menores a través dunha dieta equilibrada, á vez que apoia ás familias con problemas para conciliar a vida laboral e persoal. Pasouse das 703 bolsas concedidas o pasado curso ás 928 do actual e, unha vez máis, no curso 2014-2015 aténdense o 100% das solicitudes das familias que cumpren os requisitos, polo que non hai lista de espera nas bolsas comedor, coherentemente co establecido polo departamento que dirixe Miguel Lorenzo no outros programas como axuda a domicilio, teleasistencia domiciliaria, ou talón restaurante.
O orzamento de bolsas comedor para o curso 2014-2015 incrementouse un 8% ao aumentar en 45.000 euros con respecto ao ano pasado e alcanzar os 595.000 euros. O Concello mantén a principal novidade do curso pasado de ampliar esta axuda aos menores que cursen Bacharelato e ciclos de grao medio de Formación Profesional. Deste xeito, as bolsas nos comedores escolares destínanse ás unidades familiares con menores ao seu cargo en segundo ciclo de Educación Infantil; Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato ou ciclos de grao medio de Formación Profesional, con domicilio na Coruña e que cursen os seus estudos en centros públicos ou concertados do termo municipal con servizo de comedor.











