O Concello da Coruña convoca o concurso de ideas para a remodelación da praza de Antonio Tenreiro
O Concello da Coruña convoca hoxe o concurso de ideas para a redacción do anteproxecto para a remodelación da praza de Antonio Tenreiro, unha obra incluída dentro do plan de reurbanización da rúa Federico Tapia. O Goberno municipal contará no xurado coa colaboración dos colexios oficiais de Arquitectos e de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia.
O Goberno municipal apostou pola convocatoria dun concurso de ideas para obter o maior número de propostas posibles e, ao mesmo tempo, ofrecer á canteira de técnicos de arquitectura, enxeñaría e urbanismo unha oportunidade de expresar e reflectir a súa creatividade. Trátase dunha fórmula que funcionou con éxito -tanto polo número de proxectos presentados como pola calidade dos mesmos- noutras actuacións promovidas polo Concello, como a reordenación do paseo marítimo, a mellora da mobilidade peonil coa instalación de ascensores e escaleiras mecánicas, ou a remodelación da Rosaleda dos xardíns de Méndez Núñez.
O prazo de presentación de anteproxectos será de 50 días naturais desde a publicación da convocatoria no perfil do contratante do Concello da Coruña. O xurado estará formado polo alcalde ou persoa en quen delegue, un representante do colexio de Arquitectos e outro do de Enxeñeiros, un arquitecto superior e un enxeñeiro superior a proposta do presidente do xurado, e un profesional técnico nomeado polos concursantes. En total, o Concello repartirá até 12.000 euros en premios: 6.000 euros para a proposta gañadora, 3.000 euros para o segundo clasificado, e dous accésits de 1.500 euros cada un. O Goberno municipal, a través da área de Infraestruturas, tamén reserva orzamento no caso de que se decida que o responsable ou responsables da proposta gañadora se encarguen tamén da redacción e posterior dirección do proxecto final.
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, inaugurou en 2012 a praza situada entre as rúas Juan Flórez e Federico Tapia en honra ao arquitecto Antonio Tenreiro, un dos fundadores do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) e asinou, entre outros proxectos, o edificio do Banco Pastor e a casa Barrié. Agora, o Concello cumpre o seu compromiso de remodelar esta praza de 2.870 metros cadrados que, actualmente, non se percibe como tal xa que a superficie libre de vehículos e destinada a área de estancia limítase a unha pequena zona central de forma triangular. Ademais, esta parte central atópase atravesada por unha senda que divide a superficie en dúas parterres con mobiliario urbano e de servizos e un espazo axardinado de escasa calidade.
Infraestruturas quere recuperar esta praza e conceder o máximo protagonismo ao peón, mellorando a súa mobilidade. Así, nas propostas que se presenten incluirase unha análise das posibilidades de reordenación do tráfico e dos espazos destinados a estacionamento, estudando cambios razoables que permitan gañar espazo para o peón.
O concurso de ideas para a remodelación da praza Antonio Tenreiro forma parte da segunda fase do proxecto de renovación de Federico Tapia, polo que nas propostas pódense incluír tamén solucións para conectar esta praza co tramo final de Federico Tapia (polo que a superficie final sobre a que se actúa alcanza os 4.185 metros cadrados) e a súa comunicación con Juan Flórez e rúas adxacentes, tendo en conta proxectos que xa está a executar o Concello, como a reurbanización de Emilia Pardo Bazán, ou que se atopan na fase final da súa tramitación administrativa, como a propia remodelación de Federico Tapia ou a instalación de escaleiras mecánicas en Mestre Cravei.
PRIMEIRA FASE
O Concello coruñés recibiu un total de 14 propostas para a reurbanización da primeira fase da rúa Federico Tapia. O proxecto, que se sacou a concurso mediante procedemento aberto, conta cun orzamento de 1.079.878 euros. Esta primeira fase, que alcanza os 5.150 metros cadrados, acometerase por tramos: entre as prazas Antonio Tenreiro e de Vigo, por unha banda, e entre as prazas de Vigo e de Galicia, polo outro.
Cun prazo de execución máximo de 8 meses, o obxectivo é empezar as obras no tramo entre a praza Antonio Tenreiro e a praza de Vigo, para que estean terminadas antes da campaña de Nadal; e, a continuación, ao concluír estes traballos e despois da campaña do Nadal, empezarase o tramo entre as prazas de Vigo e de Galicia. É dicir, que se desenvolverá por fases dentro do espírito do actual equipo de goberno de compaxinar os traballos coa actividade diaria dos cidadáns.
O concurso de ideas para a praza Antonio Tenreiro atópase dentro da segunda fase do proxecto. Para a remodelación da praza, o Concello dispón dun orzamento máximo de 700.000 euros, polo que o proxecto final de urbanización de Federico Tapia e a súa contorna -ao redor de 9.000 metros cadrados- roldará os 1,8 millóns de euros.
A través destas dúas fases, a Concellaría de Infraestruturas pretende favorecer a mobilidade na zona, así como renovar o pavimento, mellorar a rede de rede de sumidoiros e os puntos de iluminación pública co obxectivo final de revitalizar unha das vías principais do centro urbano e que une os barrios de Catro Camiños, A Falperra e o Ensanche co centro da cidade.











