O Concello da Coruña colabora coas actividades da Fundación Irmáns Tenreiro e da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesáns
O Concello da Coruña, a proposta da Concellaría de Servizos Sociais, demostra unha vez máis a súa aposta decidida polas entidades que traballan na cidade en favor de mellorar a calidade de vida dos veciños. Así, o Goberno municipal impulsa dous convenios de colaboración para contribuír ao financiamento da actividade que desenvolve a Reunión Recreativa e Instructiva de Artesáns e a Fundación Irmáns Tenreiro.
O Goberno municipal autoriza un investimento total de 37.000 euros, así como a consecuente firma dos dous convenios de colaboración. En concreto, trátase dunha axuda de 27.000 euros para contribuír ao funcionamento e ao desenvolvemento das actividades programadas polo Circo de Artesáns; e dun segundo convenio de 10.000 euros á Fundación Irmáns Tenreiro para o mantemento do centro de día e do centro de educación infantil.
Estes dous convenios súmanse a outros acordos que se asinaron dentro da filosofía do actual equipo de goberno de dar apoio ás actividades e accións que as entidades coruñesas realizan co fin de garantir o benestar social dos veciños. En 2014, o Concello destina un total de 2,35 millóns de euros a colaborar coas entidades sociais da cidade, o que representa un 76% máis -é dicir, un millón de euros máis- con respecto ao orzamento municipal de 2011.











