O Concello da Coruña asina un convenio con Ascega para impulsar accións de dinamización e apoio ao comercio de barrio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña autoriza a firma do convenio coa Asociación de Comerciantes e Emprendedores de Galicia (Ascega) para o financiamento das accións de dinamización e apoio ao comercio de proximidade que se desenvolvan durante este ano na cidade. Entre as iniciativas executadas coa colaboración do Goberno municipal destaca Incoruña, que por segundo ano trouxo á cidade casos de éxito e expertos en formación a nivel nacional e internacional, ademais de contar coa participación de máis de 100 empresas coruñesas.

A Xunta de Goberno Local celebrada esta semana autorizou o investimento de 70.000 euros recolleitos nos orzamentos municipais para o convenio de colaboración con Ascega, cuxa principal acción se desenvolveu entre o 24 de maio e o 1 de xuño a través de Incoruña, un evento que ten como finalidade mostrar oportunidades de negocio que existen na cidade, situando A Coruña como referente da innovación en Galicia a través de diferentes eventos onde o emprendemento é o denominador común (III edición do Leadership Fórum Galicia, II Meeting de Comercio Electrónico e o II Congreso Nacional de Formación, entre outras actividades).

O acordo de Xunta de Goberno forma parte de toda unha serie de accións dirixidas desde o Concello, a través da Concellaría de Emprego e Empresa, para impulsar políticas activas de emprego. Segundo os últimos datos, correspondentes ao mes de agosto, o desemprego descendeu na Coruña un 0,45% (96 parados menos) con respecto ao mes anterior, o que supuxo a redución da taxa de desemprego por oitavo mes consecutivo. No interanual, o número de parados decreceu na Coruña un 6,84%, é dicir, 1.548 persoas menos; mentres que no que vai de ano reduciuse un 11,19%: son 2.655 parados menos que en xaneiro.

7 de setembro de 2014 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.