O comité de Povisa denuncia 12 despedimentos a pesar de rexistrar beneficios millonarios
O comité de empresa do hospital Povisa de Vigo denunciou este luns que, a pesar de obter un beneficio de 11 millóns de euros no último ano e da “estabilidade” que lle proporciona a firma dun novo concerto co Sergas, a empresa despediu a 12 traballadores, algúns dos cales, levaban 10 anos neste centro.
Así o manifestou en declaracións aos medios a portavoz do comité, María Xesús Neira (CIG), quen sinalou que a única xustificación da empresa para explicar os despedimentos foi que se trataba de “cesamentos de contrato” unha vez que se asina o novo concerto (que entra en vigor precisamente este luns).
“É indignante que unha empresa con 11 millóns de beneficios estea a despedir xente”, proclamou Neira, quen sinalou que, durante os meses de xullo e agosto, contratouse a “bastantes persoas” con peores condicións e que, no caso de que houbese unha xustificación para despedir, deberíase prescindir desas incorporacións.
No entanto, a portavoz do comité denunciou que, non só “hai un déficit de persoal”, senón que se precarizaron as condicións laborais, hai despedimentos, “e a empresa segue sen querer negociar o convenio colectivo”. “Como se vai a manter a estabilidade así?”, preguntou a representante sindical.
“CULPA DO PP”
María Xesús Neira, ademais de criticar a actitude da empresa, responsabilizou, en última instancia ao goberno da Xunta e ao Sergas. “Todo isto é culpa do PP, coa súa política de recortes”, afirmou, e lembrou que os problemas laborais no hospital Povisa “son un prexuízo para os usuarios porque mingua a calidade da atención”.
A portavoz do comité lamentou que os últimos despedimentos, así como outras situacións que xa denunciaron (a negativa a negociar un novo convenio ou o cumprimento de sentenzas xudiciais favorables aos traballadores), pon de manifesto que “na Inspección de Traballo manda a dirección de Povisa, e nos xulgados manda a dirección de Povisa”, porque se incumpren as resolucións “e non se lles sanciona”.
“Todos miran para outro lado, mentres Povisa fai o que lle dá a gana”, sentenciou Neira, quen criticou que a actuación da dirección do hospital demostra que “quere traballadores á carta”.
Os traballadores celebran este luns unha asemblea, seguida dunha concentración para denunciar os últimos despedimentos. O comité anunciou que tomará todas as medidas legais que estean na súa man para evitar os despedimentos e outras irregularidades, e non descartan iniciar mobilizacións.











