O comedor social de Cáritas aproveitará os menús elaborados no Curso de Cociña para desempregados do Fórum
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o director de Cáritas Interparroquial de Bergantiños, Francisco Suárez Calvo, veñen de asinar, diante da Xefa Territorial de Traballo e Benestar, Pilar Caridad Alonso, un protocolo de colaboración co obxectivo de contribuír a axudar aos máis necesitados. Así, mediante este acordo, sempre que o programa formativo do Curso AFD de Cociña que se está a desenvolver no Fórum Carballo o permita, a comida elaborada e preparada a través das prácticas laborais desta acción formativa achegarase a Cáritas para que poidan distribuíla no seu comedor social durante as fins de semana, xa que o catering do comedor tan só traballa de luns a venres. O alumnado do curso elaborará 25 menús para distribuír os sábados e outros tantos para os domingos ata final de ano, período de duración da acción formativa.
Desta volta cargaron os transportes con empanadillas de atún, sopa minestrone, galantina de ave con arroz pilaf e de postre torta de Santiago. Francisco Suárez quixo agradecerlle ao Concello, no nome dos beneficiarios do comedor, a súa boa vontade para ceder os alimentos e agradeceu o esforzo do alumnado na elaboración dos pratos. Pola súa banda, Evencio Ferrero quixo agradecerlle á Xunta que financie o Curso de Cociña e a Cáritas pola súa boa disposición para chegar a un acordo que beneficie a aqueles que máis o necesitan. Pilar Caridad tamén subliñou a “excelente colaboración” que a Consellería atopa no Concello e que permitiu sacar adiante esta iniciativa. Hai que lembrar que este é o segundo ano consecutivo en que se formaliza este acordo, xa que en 2013, e tamén durante a celebración doutra edición do mesmo Curso de Cociña, xa se estiveron beneficiando os usuarios e usuarias do comedor do bo facer nos fogóns do alumnado da acción formativa. No acto, ademais dos mencionados, tamén estiveron o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo; o cura párroco de Carballo, José García Gondar; o Director do Centro de Formación, Juan Lorenzo; e representantes do voluntariado de Cáritas. Precisamente, hai que mencionar que Cáritas Interparroquial mantén en funcionamento na actualidade un comedor social, un comedor sobre rodas e o Centro de Día Fogar de Bergantiños.
Á súa vez, o Curso homologado de cociña que se imparte no Fórum Carballo forma parte da programación para o emprego (Plan AFD 2014) que desenvolve a Consellería de Traballo e Benestar. Comezou o pasado 20 de xuño e remata o 11 de decembro de 2014. Conta con 848 horas lectivas nas que 15 alumnos e alumnas desenvolven os procesos de pre elaboración, preparación, presentación e conservación de toda clase de alimentos, ademais de aprender a definir ofertas gastronómicas, aplicando con autonomía as técnicas correspondentes, conseguindo a calidade e obxectivos económicos establecidos e respectando as normas e prácticas de seguridade e hixiene na manipulación alimentaria. O curso, ademais das clases teóricas e prácticas que se imparten no Fórum contará con 80 horas de prácticas profesionais en empresas da zona relacionadas co sector hostaleiro.











