O Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e a Escola de Negocios Afundación organizan na Coruña un taller de desenvolvemento profesional
O Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e a Escola de Negocios Afundación organizan unha nova edición do taller de desenvolvemento profesional “Emprégache”, que por primeira vez estará dirixido a estudantes de último ano de carreira ou recentemente titulados en Enxeñaría Industrial. Unha iniciativa totalmente gratuíta que terá lugar o vindeiro martes 30 de setembro na sede herculina do Colexio (rúa Alameda 30, 7º) e para a que, por razóns de organización, é necesario anotarse previamente na web de Escola de Negocios Afundación.
O obxectivo deste taller é pór a disposición dos asistentes as ferramentas necesarias para o desenvolvemento persoal e profesional de recentemente titulados universitarios e futuros enxeñeiros industriais. Ao longo de 8 horas, participantes e relatoras estudarán en profundidade o perfil de cada alumno e axudaranlle a detectar as súas fortalezas e a saber diferenciarse e situarse no mercado laboral. Isto suporá unha importante vantaxe, xa que coñecerán as claves para afrontar unha entrevista de selección e para redactar un currículo vital óptimo.
Para iso, contarán co apoio e consello de Oriol Sarmiento Díez, decano do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia; Pablo Casteló Ruiz, director de Desenvolvemento Profesional na Escola de Negocios Afundación; Avelino Cerdeira, consultor especializado en selección de persoal e captación de talento, profesor da área de habilidades directivas na Escola de Negocios Afundación; Sandra Mesías, coach e profesora da área de habilidades directivas e RRHH da Escola de Negocios Afundación.











