O Club de Leones de Mos inicia unha campaña de recollida de alimentos
As concelleiras mosenses de Benestar Social e Participación Cidadá, Sara Cebreiro e Kely Monzón, respectivamente, informan de que o Club de Leones de Mos puxo en marcha o pasado día 15 de setembro unha campaña urxente de recollida de alimentos coa que colabora o Concello de Mos e que se prolongará ata o vindeiro 5 de outubro.
A posta en marcha desta campaña urxente ven dada polo momento actual de crise e dificultades económicas que motivou que aumentase o número de persoas sen recursos ás que atende e axuda o Club de Leones de Mos.
Os interesados en colaborar nesta iniciativa mediante a doazón de alimentos poden achegarse ata o local da asociación para deixalos ata a data de remate da campaña na propia sede do Club de Leones, situada na Estrada de Peinador, en Puxeiros (Tameiga). Ésta permanece aberta o público tódolos martes en horario de 18.00 horas a 20.00 horas.
O Club de Leones ofrece tamén a posiblidade de que os socios das diferentes asociacións veciñais, culturais e deportivas do municipio mosense depositen os seus donativos nas sedes das súas respectivas agrupacións para que, con posterioridade e previo aviso telefónico, sexan membros do Concello de Mos os que pasen a recollelos polos diferentes centros.
O Club de Leones de Mos é unha entidade social e benéfica volcada na axuda ós máis necesitados da localidade mosense mediante a distribución entre os mesmos de alimentos, roupa e a cobertura de todo tipo de necesidades que poidan ter.











