O Círculo de Xóvenes Empresarios analiza con Baltar temas de emprendemento e emprego na provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Baltar na reunión cos representantes do Círculo de Xóvenes Empresarios

Baltar na reunión cos representantes do Círculo de Xóvenes Empresarios

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial co presidente do Círculo de Xóvenes Empresarios de Ourense, Lois Babarro Alén, e co vicepresidente deste colectivo, Diego Novelle, con que analizou temas relacionados co emprendemento, a economía e o emprego na provincia de Ourense. Na xuntanza comentaron tamén as liñas de colaboración que se establecerán en 2015 entre o Inorde e o Círculo de Xóvenes Empresarios de Ourense para axudar ao desenvolvemento de actividades do colectivo empresarial.

Outros dos ámbitos de cooperación entre ámbalas dúas entidades será o Observatorio Económico Ourensán, ofrecemento que tamén estendeu o presidente provincial ao Plan Termal e as accións relacionadas co cooperativismo e o autoemprego no medio rural que, dentro do Plan “Transforma Ourense”, desenvolve a Deputación de Ourense. Precisamente, referido ao Plan Transforma Ourense, Manuel Baltar comentou o acordo asinado coa Escola de Organización Industrial do Ministerio de Industria polo cal se destinan máis de 200.000 euros para o desenvolvemento de iniciativas innovadoras que melloren a competitividade das empresas ourensás e para un programa de bolsas para titulados universitarios. “Isto permitirá darlle un pulo importante ás pequenas e medianas empresas da provincia de Ourense, coa finalidade de mellorar a innovación das pemes e incrementar a súa competitividade, así como favorecer a creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica e potenciar o tecido empresarial ourensán”, explicou Baltar.

Outra das liñas de traballo do Plan “Transforma Ourense”, da que tamén poderán ser partícipes os xóvenes empresarios, é o Plan de internacionalización e axuda ás empresas de Ourense que está a levar a cabo o Inorde co obxectivo de analizar diferentes países nos que poidan existir oportunidades de negocio para empresas ourensás en mercados en crecemento e cunha forte demanda de produtos e servizos.

4 de setembro de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.