O Circuíto de Bértoa volve a converterse na capital galega do motor co II Autocross Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación do Autocross Carballo

Presentación do Autocross Carballo

A Escudaría Máis Motor volve a organizar unha das citas fundamentais do almanaque no Circuíto Municipal de Bértoa. Neste caso trátase do II Autocross Carballo, que o sábado 13 de setembro a partir das 10.00 horas congregará a uns 80 pilotos nunha proba puntuable para o Campionato Galego, a antepenúltima do ano para esta competición. Juan José Puga Facal, presidente de Máis Motor, subliña as “perfectas condicións do Circuíto” e esperan igualar o éxito do I Autocross, celebrado este ano no mes de maio e que xuntou a 73 pilotos e a máis de mil afeccionados.

Respecto da proba, resalta que “pouco ten que envexarlle ás do Campionato de España” debido ao grande nivel dos pilotos. Así, en kartcross, unha das categorías máis disputadas, está prevista a presenza de nomes como Maikel Vilariño, que vén de realizar un excelente papel no Campionato de España, Juanjo Mol, Iván Ares ou o carballés Daniel Mariño. Na categoría supercroscar 4×4 o favorito volve a ser Perfecto Calviño; mentres que en menos de 1.600 cc están Dani Castro ou Daniel Gorín; e en máis de 1.600 cc está prevista a participación de Tino Iglesias ou Javier Cotelo. Aínda que a cita comeza ás 10.00 horas coas verificacións administrativas e técnicas, e continúa ás 12.00 horas cos adestramentos libres, as semifinais están previstas para as 15.30 horas e as esperadas finais para as 17.30 horas. Puga quere agradecer ao Concello de Carballo toda a axuda prestada para a celebración da cita, e dende a escudaría tamén subliñan as últimas melloras realizadas nas instalacións de Bértoa, que fan un circuíto máis funcional para público e organización.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que estivo acompañado durante a presentación da cita polo Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e outros membros da Escudaría Máis Motor, quixo salientar que probas como este autocross proban que “se cumpriu o obxectivo” que se perseguía cando o Concello recuperou o Circuíto de Motor de Bértoa. Para Ferrero é unha “satisfacción ver como se utiliza con regularidade”, con tres probas de autocross este ano, unha do Campionato de España e coa do 13 de setembro outras dúas do Campionato Galego. O Alcalde asegura que “seguiremos actuando neste sentido, porque sabemos que a actividade do motor ten fonda implantación en Carballo e na comarca de Bergantiños”, o que se demostra tamén co grande números de pilotos do municipio e da zona que tomarán a saída no II Autocross Carballo.

9 de setembro de 2014 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.