O ciclo ‘Ilusiooóh!n’ de espectáculos nados da fusión de distintas disciplinas artísticas comeza no Ágora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá Ilusiooóh!n, un novo ciclo de espectáculos nados da fusión de distintas disciplinas artísticas, que arrincará o próximo día 20 e celebrarase até o mes de abril no centro sociocultural Ágora.

“Este ciclo é parte da aposta do Goberno Municipal polas artes escénicas que xa iniciou no verán con Faranduleando e que agora continuamos con espectáculos de sala. O Ágora acollerá esta iniciativa que fomenta un clima de intimidade que fará que se estableza unha gran conexión entre artistas e público”, destacou a concelleira, quen engadiu: “Ilusiooóh!n é un ciclo dirixido a público familiar e a calquera persoa disposta a deixarse sorprender por un formato que fusiona danza, circo, teatro, maxia, música ou calquera outra disciplina artística”

Así, a Ágora acollerá 7 espectáculos diferentes:

– 20 de setembro: Impreuna, de Pistacatro. Espectáculo baseados nos códigos artísticos do circo como malabares, aéreos, acrobacias e clown.

– 11 de outubro: Entredós, de Capicúa. Espectáculo que penetra ao espectador nun mundo máxico e absurdo, poético e cómico que recibiu o Premio do Público ao Mellor Espectáculo de Teatro – Circo na Feira Internacional de Teatro e Danza de Huesca 2013 e o Selo de Calidade do Move Award (More Quality Visual Theatre for Europe).

– 22 de novembro: Plecs de Enfila´t, con CAER, TNC e Cir-que ou!, de Pireneos de Circo. Teatro, circo, música e papel.

– 7 de decembro: Aaart!, de 18é Circ d´Hivern do Ateneu Popular 9 Barris. Espectáculo ideal para todos os públicos que une disciplinas como a acrobacia, os equilibrios sobre obxectos, a corda lisa, a roda Cyr ou os equilibrios man a man.

– 28 de febreiro: La gran ilusión, de Antonio Díaz, Premio Nacional de Maxia. O espectáculo, que recibiu o Premio Fetén 2014 ao Mellor Espectáculo de Gran Formato, contará con dúas funcións e encherá a Ágora de innovación, fantasía e sorpresa.

– 13 de marzo: Funamviolistas. Espectáculo dirixido por tres músicos de corda que combina beleza e orixinalidade incorporando un gran número de disciplinas artísticas. Recibiu o último Premio Max ao Mellor Espectáculo Revelación. “Esta obra -destacou Fernández-, é altamente recomendable. Foi tal o éxito de público e de crítica, que en 2014 xa realizaron máis de 70 representacións”.

– 10 de abril: Heian, de Compañía Zen do Sur. Espectáculo multidisciplinar onde circo, danza acrobática e música en directo se fusionan para ofrecer unha proposta cargada de forza e sensibilidade. Galardoada co Premio ao Mellor Espectáculo Noites Fetén 2014, Heian nútrese da danza contemporánea acrobática, recursos de danzas urbanas e contact – improvisation, técnicas circenses de equilibrios investidos, humor e un contido musical acústico e orixinal con piano, violoncelo, body percusión, sons sintetizados e instrumentos de percusión contemporáneos.

“Como nos ciclos Todo Público ou Bebescena, ou en festivais como Faranduleando, contaremos na cidade coas mellores compañías que están actualmente virando por todo o país con espectáculos premiados nos principais festivais especializados”, explicou a tenente de alcalde, quen engadiu: “É, sen dúbida, o mellor do panorama nacional; programación de gran calidade que volve situar A Coruña á cabeza en canto a cidades nas que as artes escénicas teñen un protagonismo moi importante e como unha das urbes españolas nas que máis se aposta pola Cultura”.

As representacións, dirixidas especialmente ao público adulto, celebraranse ás 21.00 horas, fóra da gran ilusión, o espectáculo de maxia de Antonio Díaz, o coñecido Mago Pop do Discovery Max que, por estar dirixido tamén aos máis pequenos, contará con dobre función: ás 18.00 e ás 21.00 horas.

Ademais, outros dous espectáculos -Funamviolistas e Heian-, contarán con funcións dirixidas a centros educativos da cidade nas que participarán 1.000 alumnos de Secundaria.

As entradas anticipadas custan 12 euros e o abono familiar, con 3 entradas para o mesmo espectáculo, 27. Para as persoas con carné xoven, maiores de 65 anos ou desempregadas, o prezo da entrada será de 10 euros. O mesmo día da función o prezo único de entrada será de 15 euros. Respecto da oferta escolar, dentro do horario lectivo, realízase dentro da oferta educativa municipal Coruña Educa, do Servizo Municipal de Educación.

Impreuna, de Pistacatro, que abre o ciclo o día 20 de setembro, contará cunha oferta especial de 9 euros, 8 euros con desconto.

As entradas poden adquirirse no despacho de billetes central da praza de Ourense (de luns a venres de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas); no centro sociocultural Afundación (de luns a sábado de 09.00 a 21.00 horas); no despacho de billetes do centro Ágora unha hora antes de cada espectáculo; e a través da televenta, no teléfono 902 504 500 (de 08.00 a 22.00 horas de luns a sábado) ou internet, na web www.servinova.com.

11 de setembro de 2014 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.