O certame OUFF Escola recibe 76 películas realizadas por estudantes en lingua galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

O certame OUFF Escola do Festival de Cine Internacional de Ourense acada este ano o seu récord de participación, ao recibir un total de 76 películas realizadas por estudiantes en lingua galega. As películas proceden das catro provincias galegas e, por primeira vez, do Reino Unido. Salienta o importante aumento no número de traballos presentados procedentes da provincia de Ourense, ainda que a maior participación segue a proceder de Pontevedra e A Coruña. Destaca especialmente o número total de participantes na realización das creacións audiovisuais, que este ano superaron os 2.000.

Os traballos foron valorados polo xurado que esta semana mantivo a súa xuntanza nas oficinas da Concellería de Educación e Cultura para dilucidar os gañadores dos premios de este ano, que se farán públicos e entregarán no marco do 19OUFF, que se desenvolverá do día 15 ao 23 de novembro.

O xurado estivo composto por César Silva, director de programación do OUFF, Carlos Montero Álvarez, fotógrafo e crítico de cine, Paz Villar, coordinadora do proxecto Cine e Saúde, Manoli Maseda, coordinadora provincial das equipas de normalización e dinamización Lingüística e Gregorio Ferreiro Fente representante de Secretaría Xeral de política Lingüística.

Impulsar o galego e a creatividade audiovisual

OUFF Escola está convocado pola Concellería de Cultura, Normalización Linguística e Festival de Cine do Concello de Ourense xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística  da Xunta de Galicia no marco do 19OUFF.

O certame ten como obxectivo impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo. Pretende tamén potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas.

A participación está aberta a alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2013-2014 e aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lengua galega.

O certame repartirá 2.600 euros en premios. As bases establecen dúas categorías: unha conxunta de Infantil e Primaria e unha segunda para outros niveis de ensino non universitario (agás as escolas oficiais de Imaxe e Son). En cada unha das dúas categorías, o OUFF Escola entregará un primeiro premio de 600 euros para o centro, un segundo premio de 400, e o Premio Blanco Amor ao Mellor Guión, dotado con 300 euros.

Os traballos deben realizarse en lingua galega, ser orixinais ou adaptacións, non comercializados, non premiados anteriormente e non presentados con anterioridade a este certame. Poden optar traballos de ficción, documental ou  animación, con temática libre e duración de até 20 minutos.

Nacido en 2009 da man do Consorcio do Festival de Cine, a Secretaría Xeral de Política Linguística e o Concello, o certame OUFF Escola, chegará este ano á súa quinta edición, despois de non celebrarse en 2013 trala disolución do Consorcio que organizaba o Festival.

O certame, que organiza agora en solitario o Concello, retomará esta actividade nesta edición de 2014, que se desenvolverá do día 15 ao 23 de novembro na cidade, en cuxo marco entregaranse os premios do certame e se proxectarán os traballos gañadores.

11 de setembro de 2014 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.