O Carballiño retoma o tradicional concurso de gando na vila
No ano en que se cumpren a 70 edición do concurso comarcal de gando, unha das citas clásicas das festas patronais de san Cibrao, o concello do Carballiño decidiu achegar este certame gandeiro ao propio pobo, xa que até a pasada edición celebrábase no recinto municipal da Uceira, e situalo no Parque carballiñés.
Así este ano a 70 edición do concurso comarcal de gando terá a súa sede no marco incomparable do parque municipal, en concreto na zona próxima á avenida do Arenteiro, baixo unha carballeira, que garante un lugar san e seguro para as reses, e ao mesmo tempo unha zona de máis cómodo acceso para todos os que queiran achegarse a ver os exemplares que este ano se presentan ao concurso. O certame celebrarase o luns 15 de setembro a partires das 10.00 h.
Ademais das reses que participan nas distintas modalidades, poderanse contemplar os sementais que achega a A.C.R.U.G.A, que sempre espertan un gran interese, ao ser pouco habitual o velos en vivo e en directo.
Doutra banda, e como en anos anteriores, abriranse catro categorías, vacas reprodutoras, xovencas, becerras, e vacas con cría.
Os responsables municipais afirmaron que se optou por este cambio de localización, co principal obxectivo de dinamizar esta actividade tradicional das festas, xa que nos últimos anos eran moi poucas as persoas que se achegaban a ver estes exemplares ao recinto da Uceira. Ademais destacan a comodidade tanto para os gandeiros como para as reses e os propios visitantes, á hora de acceder ao recinto provisional acomodado na zona do parque.
Como cada ano contarase cunha zona onde todos os que queiran poderán quedar a comer, ou aproveitar a visita para tomar o aperitivo, co protagonismo no menú do polbo a feira, como non podía ser doutra forma.











