O Carballiño reorganiza a feira na praza Hermanos Prieto
Despois de varios meses de reorganización e recolocación dos postos de venda ambulante das feiras do Carballiño, finalmente nesta feira do 30 de setembro, a praza Hermanos Prieto, máis coñecida como a praza das Monxas, ofrece unha imaxe totalmente distinta ás anteriores feiras, eliminando todos os postos que impedían o paso franco a esta praza, así como a mobilidade dos alumnos e pais do colexio situado na mesma.
En concreto movéronse varios dos postos desta praza, recolocándoos dunha forma que deixan un paso central de varios metros, sen prexudicar aos comercios da praza, e permitindo a venda ambulante durante os días de feira.
Así mesmo o actual grupo de goberno detectou que, tal e como estaba disposta a feira nesa praza, era practicamente imposible acceder a ela con vehículos de emerxencia se fose necesario. Por ese motivo estudouse nas últimas feiras a forma de despexar todas as entradas e accesos á praza, algo que na feira deste martes quedou xa totalmente despexada tanto a rúa que accede desde a praza maior como a que dá saída á avenida de Julio Rodríguez Soto. Desta forma a seguridade nesa praza está garantida tamén os días de feira.
Antes de chegar a esta nova organización da feira, estiveron a realizarse probas para observar onde estaban os puntos críticos da praza durante a celebración destas xornadas. Mesmo se executou un exercicio de evacuación da zona, sobre todo do colexio alí situado, para ver as necesidades que esixía a entrada de vehículos de emerxencia nesas circunstancias.
Posteriormente estívose falando cos profesionais da venda ambulante que acoden a cada feira carballiñesa para, entre todos, buscar a mellor localización dos postos, sen prexuízo de ningunha das partes.
Finalmente, nesta última feira de setembro de 2014, a praza Hermanos Prieto ofrece unha imaxe completamente distinta á dos últimos anos, e sobre todo, máis segura.











