O Campus da Auga promocionarase ante axentes do turismo de 27 países en Termatalia Arxentina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorOurense
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

Termatalia Arxentina servirá de plataforma de promoción internacional para presentar o Campus da Auga da Universidade de Vigo como proxecto pioneiro ante institucións e empresas de 27 países. A participación do Campus na Feira Internacional de Turismo de Saúde e Benestar que Expourense organiza en Termas de Río Hondo (A Arxentina) entre o 1 e o 4 de outubro foi formalizada esta mañá coa sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo, representada polo seu reitor, Salustiano Mato, e Expourense, representada pola súa directora de Administración, Cristina Álvarez, en presenza do vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

Salustiano Mato explicou que a participación do Campus da Auga en Termatalia é “un exemplo de cara a onde vai camiñar a Universidade a través da especialización intelixente do Campus da Auga que comeza o seu camiño creando sinerxias con axentes socioeconómicos da provincia, como é o caso de Expourense. A presenza na Arxentina vainos dar maior visibilidade a nivel internacional”.

Ademais de contar cun stand promocional, o Campus da Auga realizará en Termatalia Arxentina unha presentación como proxecto pioneiro vencellado á investigación e á innovación ante prensa internacional, touroperadores, empresas e profesionais dos 27 países presentes na feira. Esta presentación correrá a cargo do vicerreitor Virxilio Rodríguez, quen prepara ademais unha axenda de reunión con representantes das universidades arxentinas presentes en Termatalia co obxectivo de asinar convenios bilaterais que poidan dar paso ó intercambio de docentes e alumnos.

Por outra banda, o profesor e membro do Comité Executivo do Campus da Auga, José Antonio Fraiz, será o encargado de coordinar a Sesión de Comunicacións Científicas (Call for papers) onde profesionais de varios países presentarán os seus estudos e investigacións multidisciplinares vencellados á auga e ó turismo ante algún dos principais expertos mundiais do sector incluidos no comité científico que avaliará estes traballos.

Convén destacar que a propia Universidade presentou varias comunicacións para esta sesión e que abordarán temas como o termalismo e o turismo sénior, a cosmética termal, o turismo sanitario como oportunidade de negocio ou o termalismo como ferramenta promocional da cidade de Ourense.

A presenza do Campus da Auga en Termatalia pode abrir novas oportunidades de negocio, xa que os seus proxectos innovadores e investigacións poden espertar o interese das empresas e institucións presentes na feira, posibilitando que os alumnos deste campus poidan realizar prácticas no estranxeiro. Por outra banda, a promoción das actividades do Campus pode atraer ata Ourense a novos estudantes internacionais para cursar postgraos vencellados á auga.

Termatalia Arxentina servirá de plataforma para promocionar internacionalmente este Campus Universitario defendendo intereses comúns para ambas entidades como son a formación, a transferencia de coñecementos e a internacionalización ó redor do mesmo elemento: a auga, e co mesmo obxectivo: posicionar á provincia de Ourense como referente termal mundial.

A implicación do Reitorado supón un punto de inflexión a nivel institucional que ven reforzar as boas relacións xa existentes entre Expourense e as distintas Facultades desta Universidade, sendo máis estreita ata o de agora a colaboración coa de Ciencias Empresariais e Turismo.

16 de setembro de 2014 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.