O Campionato de España de técnica infantil de Taekwondo celébrase esta fin de semana en Marina d´Or
A selección galega de técnica participará esta fin de semana no Campionato de España de técnica infantil, sénior e freestyle, que se celebrará en Marina D´Or (Castellón). A Federación Galega de Taekwondo desprazará un equipo de 52 deportistas (sénior, júnior e cadete), ademais de aqueles que viaxan cos seus clubs. O Campionato decidirá (xunto ao Open de España) a selección de deportistas que acudirán ao Mundial que se celebrará en México no mes de outubro.
O sábado terá lugar o Campionato de España Infantil de Técnica con 259 participantes, mentres que o domingo celebrarase o de adultos e freestyle. No torneo de técnica adultos participarán un total de 364 deportistas, mentres que en freestyle serán 84. O frestyle, de recente creación, segue amosando un enorme crecemento nestes dous anos que leva no calendario mundial. Esta modalidade é unha combinación libre de técnicas de taekwondo con coreografía e música, polo que resulta moi atractiva tanto para o público coma para os propios practicantes.
O Campionato de España é unha competición individual na que as e os deportistas teñen que realizar ata tres ou catro pumses, dependendo da categoría. Trala realización do primeiro exercizo, a metade mellor clasificada pasa á segunda rolda onde realizarán o segundo pumse. Os oito primeiros clasificados chegan á final, onde realizarán o último exercizo (no caso dos adultos, son dous) e de onde sairán as medallas (ouro, prata e dous bronces). Resultados 2013. Galicia logrou un total de trece medallas no Campionato de España de técnica infantil e sénior que se celebrou en Oropesa del Mar (Castellón). Con estes resultados, Galicia ocupou a terceira posición na clasificación xeral tanto na categoría infantil coma en adultos.











