O BNG esixe ao alcalde de Vigo responsabilidades políticas tras coñecerse a imputación dun dos seus concelleiros
O grupo municipal do BNG esixiu este martes ao alcalde, Abel Caballero, que asuma “responsabilidades políticas” tras coñecerse a imputación dun dos seus concelleiros, Anxo Rivas (edil de Parques e Xardíns, Limpeza e Distritos, e secretario de organización do PSOE en Vigo), nunha investigación polos supostos delitos de prevaricación administrativa e negociacións prohibidas a funcionarios.
A portavoz nacionalista, Iolanda Veloso, subliñou que é “fundamental saír a dar a cara” porque a imputación de Rivas “pon en cuestión a xestión política e as decisións que se toman sobre recursos públicos”.
“Desgraciadamente, o que vemos é que o alcalde segue sen facer declaracións, sen dicir nada. O alcalde escóndese, non dá a cara nin dá explicacións”, denunciou Veloso.











