publicidade hoxe

O Azkar Lugo F.S. deixase os puntos ante o Uruguay Tenerife nun mal inicio da segunda metade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+

Un mal inicio da segunda metade por parte do Azkar Lugo F.S. fai que o Uruguay Tenerife sume os seus primeiros puntos en Primeira División.

O que si foi bo foi o inicio de partido por parte do Azkar Lugo F.S., que empezou expoñendo máis sobre a pista, e cunha boa presión en defensa evitaba os ataques do Uruguay Tenerife, no minuto 1 intentábao Diego Núñez pero o seu remate íase alto, no 2 sería Javi Río quen obrigaba a Iago Barro a empregarse a fondo no seu remate. No minuto 4 intentábao Corvo polo Uruguay Tenerife pero atopábase con Óscar Iglesias. No minuto 7 Mimi abría o marcador, tras unha gran contra de Cospe, este cedía a Mimi dentro do área e este batía a Iago Barro. Pouco duro a alegría do gol á parroquia lucense, pois no minuto 9 Lolo Suazo batía a Óscar por baixo cun tiro cruzado. O minuto 13 foi un minuto de grandes ocasións para os dous equipos, Óscar salvou sobre a liña un remate de Ayose antes do tempo morto solicitado por Albes. No minuto 14 Corvo poñería por diante aos visitantes tras bater a Óscar Iglesias. Aos tres minutos Iago Rodríguez roubaba un balón no centro do campo e íase á contra o seu disparo era introducido por Pablo na súa propia portería poñendo así o 2-2 no marcador. Pero ao minuto seguinte outra vez Lolo Suazo convertíase no verdugo de Óscar Iglesias e poñía o 2-3 no marcador, resultado co que se chegaba ao descanso.

O inicio do segundo tempo lastrou moito o traballo dos xogadores de Javier Albes, posto que no minuto 22 Murga poñía o 2-4 no marcador e ao minuto seguinte Ayose era quen poñía o 2-5 no marcador, algo que parecía xa insalvable para o Azkar Lugo F.S., tardaron en reaccionar os xogadores de Javier Albes, pero a partir do minuto 27 puxéronse o mono de traballo e loitaron por conseguir sumar os seus primeiros puntos, así no minuto 29 Mimi finalizaba unha boa contra de Javi Río e poñía o 3-5, aos dous minutos Iago Rodríguez lograba un gran gol cun forte disparo desde 12 metros e colocaba o 4-5 que animaba aos xogadores e á afección. Tampouco se veu abaixo o Uruguay Tenerife, xusto antes do gol de Iago Rodríguez Javi Rodríguez estrelaba o balón no pau da portería de Óscar Iglesias. Seguiuno intentando o Azkar Lugo F.S. no 35 tívoa Mimi nunha contra pero non chegou a finalizar a xogada, ao minuto seguinte Javi Río remata na liña de gol pero o balón foise por arriba da portería defendida por Iago Barro, a partir do minuto 37 Javier Albes intentouno colocando a Nacho Pedraza como porteiro xogador, pero non forneceu o efecto desexado e o marcador non se movería máis e os tres puntos íanse camiño de Tenerife.

Declaracións de Javier Albes ao finalizar o partido: “Eles parecía que tiñan a manixa do partido, que cada vez que querían podían igualar ou superar o marcador. Os goles son de calidade. O terceiro vén logo dun man a man noso que non finalizamos ben. A nota positiva é que si eles queren poden, e ao final a intensidade é o que che dá poder competir. Nos partidos de casa esperabamos sacar algo, agora imos con outro ciclo de partidos nos que hai que sumar si ou si. O partido contra Santiago en casa si que vai ser clave para noso devir na Liga.”

Ficha técnica:

 Azkar Lugo F.S.: Óscar Iglesias, Mimi, Diego Núñez, Nacho Pedraza e Javi Río, – cinco inicial-, Cospe, Iago Rodríguez, Antonio Diz e Manuel María.

Uruguay Tenerife: Iago Barro, Pablo, Javi Rodríguez, Ayose e Corvo, – cinco inicial-, Murga, Lolo Suazo, Pedro Toro e Kike Barroso.

Árbitros: Del Pozo García e López Jiménez (colexio madrileño).

Goles: 1-0 min.7 Mimi, 1-1 min.9 Lolo Suazo, 1-2 min. 14 Corvo, 2-2 min. 17 Pablo (pp), 2-3 min. 18 Lolo Suazo, 2-4 min. 22 Murga, 2-5 min. 23 Ayose, 3-5 min. 29 Mimi e 4-5 min.31 Iago Rodriguez.

Incidencias: Partido da terceira xornada de Primeira División retrasmitido por Teledeporte y coa presenza de 800 espectadores no Pabellón Municipal de Lugo.

27 de setembro de 2014 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.