O avogado Xosemaría Rodríguez pugnará nas primarias de CXG para optar a candidato en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O avogado compostelano Xosemaría Rodríguez anunciou este mércores que pugnará nas primarias abertas á cidadanía de Compromiso por Galicia (CXG) para converterse no candidato para as próximas municipais en Santiago.

En rolda de prensa, presentouse como “un rapaz de Compostela, criado no parque de Ramírez” e que estivo vinculado á cidade dende sempre, onde participa activamente nos equipos deportivos, en especial, no Compostela “dende os 14 anos”, onde coordina a área social.

Dedicado á avogacía, tras estudar Dereito na Universidade de Santiago (USC), Xosemaría Rodríguez, tamén afeccionado a correr, subliñou que el non “vén da mundo da política” nin é “un animal creado”, senón un profesional liberal que pretende dedicarse de forma temporal, aínda que “ao 100 por cento”, ao labor municipal, para logo “volver á súa profesión”.

Xosemaría Rodríguez (www.xosemariacompostela.com) explicou que se animou a dar este “paso”, entre outras cuestións, despois da situación vivida no último ano na capital galega, na que Agustín Hernández, o número 25 de lista, se converteu no terceiro alcalde da cidade nesta lexislatura despois das sete renuncias dos concelleiros condenados por prevaricación e outras dimisións de imputados na ‘Operación Pokémon’.

Aínda que se mostrou consciente de que, en primeiro termo, se trata de optar no proceso de primarias, Rodríguez esbozou algunhas liñas do que propón para a cidade, como “abrir a porta aos veciños”, de forma que se poida establecer “algún tipo de representación” cidadá no Concello.

Máis “transparencia”, o deporte de base, e un esforzo nas políticas sociais son, así mesmo, as prioridades que se establece o avogado compostelano, xunto con medidas encamiñadas a que o aeroporto de Santiago sexa “o central de Galicia”.

POLÍTICA DE ALIANZAS

Xosemaría Rodríguez explicou que a política de alianzas a decidirá a formación no seu conxunto tras as primarias e que, se el resulta o candidato elixido, dará a súa opinión no seo do partido no seu momento.

En canto á reforma electoral proposta polo PP, o avogado compostelano considera “de risa” que “quen defenda” esta proposta sexa o mesmo partido que ten un alcalde, en Santiago, que “non se presentou como alcaldable e que goberna cunha lista que non elixiron os veciños”, toda vez que sete dos 13 edís foron nomeados polo rexedor sen que formasen parte da candidatura.

3 de setembro de 2014 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.